Un festival solidario reunirá danza e música en Ourense para apoiar os campamentos urbanos de Amencer

A cidade de Ourense acollerá o vindeiro 25 de abril o festival solidario “Camiño á Fama”, unha cita cultural e benéfica organizada pola Asociación Xuvenil Amencerque terá lugar no teatro dos Salesianos en horario de tarde, entre as 18:00 e as 20:00 horas.
O evento contará coa participación de diversos grupos de danza e interpretación musical tanto da cidade como da súa contorna. Entre os colectivos confirmados atópanse academias e escolas como Don’t Stop, Espacio Muma’s, Coppelia, Estilo Libre ou a Escola Deportiva do Concello de Celanova, ademais doutras actuacións individuais.
O festival ofrecerá unha ampla variedade de estilos coreográficos, desde baile latino e flamenco ata danzas urbanas, danza oriental e baile moderno, configurando un espectáculo diverso dirixido a todos os públicos.
As actuacións serán avaliadas por un xurado composto por profesionais do ámbito da música, da danza e da expresión corporal, que outorgará diferentes premios en categorías como mellor coreografía, creatividade, técnica, estilo, orixinalidade, expresión e interpretación.
A recadación do evento destinarase integramente aos campamentos urbanos que organiza a Asociación Xuvenil Amencer, unha iniciativa que busca ofrecer actividades de lecer educativo para a mocidade da cidade.
As entradas poderán adquirirse previamente na propia asociación ou na billeteira o día do evento. Ademais, habilitarase unha modalidade de fila cero para todas aquelas persoas que desexen colaborar coa causa sen asistir ao festival.