Un incendio arrasa a parte antiga dunha vivenda en Taboadela e obriga a desaloxar ós residentes

Un incendio calcinou na madrugada do mércores unha vivenda no lugar de Abeledo, no concello de Taboadela (Ourense). O aviso ao 112 produciuse arredor das 5.43-5.45 horas, cando un particular alertou de que o tellado estaba ardendo e de que no interior había tres persoas, que finalmente lograron saír a tempo e resultaron ilesas.
Un dos moradores decatouse do lume ao erguerse de madrugada e avisou os outros dous ocupantes. Os berros foron escoitados por unha veciña, que deu a voz de alarma mentres outros residentes tentaban conter as lapas con mangueiras ata a chegada dos servizos de emerxencia.
Ata Abeledo desprazáronse bombeiros e efectivos dos GES, xunto coa Garda Civil e un dispositivo sanitario por precaución. O lume cebouse especialmente coa zona máis antiga da casa (con elementos de madeira), provocando o colapso do tellado e deixando o interior arrasado. A intervención permitiu frear a propagación cara á parte máis nova do inmoble e reducir os danos na vivenda contigua, á que chegou a afectar o tellado.
Os traballos prolongáronse durante varias horas (co incendio dado por extinguido xa avanzada a mañá) e continuaron con tarefas de arrefriamento para evitar que se reavivasen rescoldos. As causas do lume permanecen baixo investigación.