Un novo edificio unificará todos os servizos do Materno Infantil do Hospital de Ourense

OurenseXa
A Xunta construirá un novo edificio que unificará todos os servizos de materno infantil do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense
reunión-CHUO
29 Ago 2024

A Xunta construirá un novo edificio que unificará todos os servizos de materno infantil do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO). Así o avanzou a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto co director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, e delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, tras a reunión de traballo mantida co xerente do Sergas, José Ramón Parada, e co xerente da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Santiago Camba.

María M. Allegue incidiu na honra que supón para o departamento que dirixe contribuír ao fortalecemento da sanidade pública galega, a través de novas ou renovadas infraestruturas, “para que os profesionais gocen de todas as vantaxes dun edificio moderno e funcional o que repercutirá nunha mellor e máis cómoda atención aos pacientes e aos seus acompañantes”.

Con este obxectivo estase traballando no CHUO, construíndo un novo edificio de hospitalización e ambulatorio de 12 plantas e, ademais, tal e como destacou a conselleira, construirase un novo edificio que unificará todos os servizos de materno infantil. María M. Allegue fixo fincapé na envergadura deste proxecto, consensuado coa Consellería de Sanidade, para acadar un novo espazo que cumpra co plan funcional deseñado para ofrecer o mellor servizo.

A conselleira explicou que esta obra supón a demolición das antigas instalacións, seguindo as suxestións dos técnicos especialistas. A este respecto, quixo destacar a ganancia en funcionalidade, “porque unha nova obra permitirá adaptar os espazos á demanda dos profesionais”, posibilitando neste caso un novo espazo adicional no soto. Tamén, segundo apuntou a conselleira, con este proxecto se simplificarán as conexións co novo edificio de hospitalización e entre este e o Hospital Cristal; ademais, coa nova obra alongase a vida útil do edificio.

Respecto ao cronograma previsto nas intervencións no CHUO, a conselleira apuntou a previsión de que as obras do novo edificio de hospitalización deste complexo se intensifiquen no outono, acometéndose, non só os traballos do novo edificio, senón tamén os dos primeiros traslados necesarios. A conselleira situou entre finais de 2025, principios do 26, a previsión do traslado dos servizos do Materno ao novo edificio e o comezo da demolición do bloque do Materno para, a continuación, construír as novas instalacións.

Segundo subliñou María M. Allegue, desde a Xunta se está a traballar arreo na coordinación e reorganización desta intervención, que forma parte dun contrato máis amplo que engloba: a construción, en marcha, dun novo edificio de hospitalización de 12 plantas, e a mellora da accesibilidade dentro do complexo. En definitiva, concluíu a conselleira, o Goberno galego segue a dar pasos no camiño iniciado para reforzar a sanidade pública de Ourense, coa ampliación do CHUO, que acadará un

investimento de 55,5 millóns de euros e “blindará unha mellor asistencia sanitaria nesta cidade e na súa área de influencia nas vindeiras décadas”.

0.15533804893494