Un novo incendio en Maceda obriga a activar a Situación 2 pola proximidade ás vivendas

Un novo lume na parroquia de Santirso, no concello de Maceda, obrigou a declarar a Situación 2, como medida preventiva, pola súa proximidade aos núcleos de Calveliño do Monte e Santiso.
Para a extinción deste incendio, declarado sobre ás 03:15 horas desta madrugada e que continúa activo, mobilizáronse 5 axentes, 6 brigadas e 4 motobombas.
Pola súa conta, o incendio do concello de Maceda, parroquia de Castro de Escuadro, que se iniciou a noite do sábado, permanece estabilizado dende o domingo, maila que onte houbo unha reactivación do lume. Segundo as estimacións provisionais, o lume afecta a unhas 450 hectáreas e tería sido iniciado de forma intencionada, xa que iniciouse entre cinco e seis puntos case simultáneos.
Neste lume xa foi desactivada o domingo a Situación 2, que fora declarada na madrugada do mesmo domingo pola súa proximidade ao núcleo da Teixeira. Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora 5 técnicos, 27 axentes, 42 brigadas, 34 motobombas, 5 pas, 6 helicópteros e 10 avións.
Pola súa conta, segue activo e descontrolado o incendio de Chandrexa de Queixa, que leva xa máis de 3.000 hectáreas calcinadas e que xa é o máis grande rexistrado na provincia este verán. Neste lume tamén foi preciso decretar a Situación 2, como medida preventiva, pola súa proximidade a núcleos de poboación.
Na parroquia de Moialde, en Vilardevós, tamén segue activo un incendio iniciado este luns, así como outro en Montederramo, na parroquia de Paredes, e no municipio de Cartelle.
Pola súa conta, o lumes de Vilariño de Conso, na parroquia de Mormentelos, atópase xa estabilizado, mentres que o iniciado na madrugada do luns en Verín está controldo.
Pola súa banda, o incendio de Padrenda, iniciado o pasado venres e que afectou a 41,6 hectáreas de monte raso, está xa extinguido. Para a súa extinción, mobilizáronse en conxunto 10 axentes, 26 brigadas, 9 motobombas, 1 pa, 2 helicópteros e 2 avións.