Un programa piloto impulsado pola Deputación e AFAOR confirma os beneficios do termalismo no deterioro cognitivo

A Deputación de Ourense, xunto coa Asociación de Familiares de Persoas con Alzhéimer (AFAOR), presentou o balance do Programa Piloto de Termalismo contra o Deterioro Cognitivo Leve (DCL), unha iniciativa pioneira en Galicia que se desenvolveu entre xuño e outubro no Balneario Eurostars Vila de Allariz.
O proxecto tivo como obxectivo principal a detección precoz de patoloxías neurodexenerativas e a promoción de hábitos de vida saudables, especialmente relacionados coa actividade física regular e coa estimulación cognitiva.
O programa consistiu en sesións semanais todos os luns, que combinaban actividades terapéuticas en augas mineromedicinais con traballo cognitivo. Este enfoque aproveita a activación corporal e sensorial do entorno termal para mellorar o rendemento mental.
Ao inicio, elaborouse un Plan de Atención Individualizada (PAI) para cada participante, centrado en aspectos cognitivos, condutuais e sociais. Realizáronse avaliacións individuais en cada sesión, ademais dunha valoración intermedia en xullo e outra final en outubro, o que permitiu un seguimento detallado da evolución dos participantes.
Nas valoracións iniciais observouse que o 20 % das persoas participantes presentaban deterioro cognitivo leve, o 70 % un deterioro leve/moderado e o 10 % un deterioro moderado/avanzado. Ningunha delas mostrou alteracións condutuais, e só dúas tiñan limitacións funcionais significativas.
Os resultados finais reflicten unha evolución positiva: o 55 % manteu estables as súas capacidades cognitivas, o que indica eficacia preventiva, mentres que o 27 % amosou unha lixeira mellora en atención, memoria e orientación espazo-temporal. O 18 % experimentou un lixeiro empeoramento acorde co seu diagnóstico inicial.
No eido emocional e social, o 82 % das persoas avaliadas mantivo unha interacción social adecuada e un estado anímico estable durante todo o programa. Ademais, o 18 % experimentou unha mellora notable no seu benestar emocional.
Desde a Deputación de Ourense destacan que "este programa piloto cumpriu amplamente os obxectivos previstos" e que se consolidou como "un modelo efectivo de intervención integral dirixido ás persoas maiores". Tamén consideran que esta experiencia abre a porta á creación de programas estables que integren o termalismo como recurso terapéutico complementario para previr o deterioro cognitivo.