Un proxecto europeo con base en Ourense busca avanzar cara a modelos agrícolas sustentables

OurenseXa
Titulado, contou cun financiamento de case sete millóns de euros e estivo liderado desde a Facultade de Ciencias do campus de Ourense e o Instituto de Agroecoloxía e Alimentación da UVigo, xunto a outros socios europeos
asemblea-final-SoildiverAgro
Asemblea final do proxecto SoildiverAgro
17 May 2025

Tras seis anos de investigación, o proxecto europeo SoildiverAgro, liderado pola Universidade de Vigo, celebrou esta semana no campus de Ourense a súa asemblea final. A iniciativa, financiada con case sete millóns de euros polo programa H2020 da UE, contou coa participación de 22 socios de sete países e culminou cunha folla de ruta concreta que combina datos científicos, ferramentas prácticas e propostas políticas para avanzar cara a unha agricultura máis sustentable desde a base: a biodiversidade do solo.

Liderado polo investigador David Fernández Calviño, desde a Facultade de Ciencias do campus de Ourense e o Instituto de Agroecoloxía e Alimentación da UVigo, o proxecto implicou universidades, centros de investigación, entidades públicas e privadas, e agricultores de España, Finlandia, Bélxica, Alemaña, Estonia, Dinamarca e República Checa. En Galicia, tamén participaron Feuga, o Inorde e o agricultor Rubén Rodríguez.

"A biodiversidade do solo é clave para construír un modelo agrícola máis sustentable, eficiente e resiliente", afirmou David Fernández durante o encontro. Segundo explicou, os solos europeos enfróntanse a unha degradación crecente provocada polo uso intensivo, a baixa rotación de cultivos, o abuso de fertilizantes e pesticidas e a perda de materia orgánica. Estes factores, engadiu, ameazan tanto a produtividade como servizos ecosistémicos fundamentais, como a retención de auga, a regulación climática, o control biolóxico de pragas ou a produción de alimentos saudables.

Ciencia aplicada e propostas políticas

SoildiverAgro centrou os seus esforzos en trasladar á práctica e ás políticas públicas os coñecementos xerados en anos de investigación, mediante a análise de 90 sistemas agrícolas en Europa e a aplicación de prácticas orientadas a mellorar a biodiversidade do solo sen comprometer a produtividade. Entre as medidas destacadas atópanse o uso de fertilizantes orgánicos, a diversificación de cultivos, o abonado verde, a labra reducida ou o control biolóxico de pragas.

Un dos grandes logros do proxecto foi identificar estratexias “win-win”, que melloran o solo e aumentan ou manteñen a rendibilidade das explotacións. Ademais, definíronse obxectivos operativos baseados en indicadores científicos aplicables no campo e desenvolvéronse ferramentas clave, como unha guía de boas prácticas agrícolas, adaptada a diferentes rexións europeas, e unha aplicación dixital de acceso libre que ofrece recomendacións personalizadas para mellorar a saúde do solo.

Resultados en Galicia: ensaios na Limia

En Galicia, a fase experimental desenvolveuse en parcelas da Limia coa colaboración do Inorde. Un dos resultados máis exitosos foi o uso da planta Solanum sisymbriifolium como alternativa biolóxica aos nematicidas químicos para combater nematodos no cultivo da pataca. “Atopamos un método biolóxico que permite reducir significativamente os quistes desta praga”, explicou Fernández. Esta liña continúa actualmente en desenvolvemento dentro do proxecto estatal ReNaturAgri.

Tamén se ensaiou a introdución de leguminosas como o chícharo na rotación de cultivos (substituíndo o trigo), o que resultou nunha mellora da fertilidade e biodiversidade do solo, cun lixeiro aumento na produción de pataca e unha redución no uso de fertilizantes nitrogenados.

Por outra banda, estudouse o uso de micorrizas como alternativa ao fósforo químico, aínda que os resultados non amosaron beneficios significativos nin na prevención de enfermidades nin no aumento da produción, salvo en condicións moi específicas. Ademais, identificouse unha sobre-fertilización de fósforo nos solos, o que suxire unha necesidade urxente de recalibrar a súa aplicación.

O proxecto tamén avaliou sistemas de alerta para enfermidades fúngicas, que nalgúns casos permitiron reducir considerablemente as doses de funxicidas, aínda que se sinalou a necesidade de seguir perfeccionando estas ferramentas para garantir a súa fiabilidade sen perdas produtivas.

Unha visión de futuro

O enfoque participativo foi clave para o éxito do proxecto. Ao longo destes anos celebráronse encontros, obradoiros e entrevistas con agricultores, técnicos e responsables políticos para garantir que as solucións propostas respondían á realidade do campo.

Segundo os seus promotores, SoildiverAgro deixa un legado relevante tanto científica como politicamente: demostra que unha agricultura sustentable tamén pode ser rendible, e senta as bases para novas políticas públicas baseadas no rendemento ambiental. Así, contribúe a un sistema alimentario máis xusto, seguro e viable desde o punto de vista ecolóxico.

⚙ Configurar cookies
0.16576600074768