Un proxecto europeo estuda en Toén a conexión entre a biodiversidade e as funcións do solo

OurenseXa
O proxecto BIOservicES conta coa participación de vinte e dous socios de once países
Investigadores da UVIgo no proxecto BIOservicES
Investigadores da UVIgo no proxecto BIOservicES
7 Out 2024

Un equipo da Universidade de Vigo está a participar no proxecto europeo BIOservicES, no que 22 socios de once países afondan nas interconexións entre a biodiversidade do solo, entre os seus organismos, e as funcións e servizos ecosistémicos en diferentes usos do territorio.

A iniciativa, que conta cun orzamento total de preto de 7,4 millóns de euros, ascendendo a axuda concedida á UVigo a 686.875 euros, arrancou en setembro de 2023 e prevese a súa finalización en agosto de 2028, estando financiado pola Comisión Europea a través do programa Horizonte Europa, ademais das axencias de investigación do Reino Unido e Suíza.

A iniciativa pretende proporcionar novos coñecementos, indicadores e ferramentas dixitais para a toma de decisións que axuden a deseñar prácticas de xestión resilientes ao clima e programas de seguimento, conservación e restauración adaptados ás distintas contornas europeas, explican os organizadores. De esta forma, os investigadores buscan comprender a conexión entre os diversos organismos do solo, e como contribúen ás múltiples funcións e servizos ecosistémicos do solo a diferentes escalas, tendo en conta os distintos usos do territorio e o impacto do cambio climático, co fin de identificar as presións e factores que afectan a estes organismos e os servizos do solo, realizar unha valoración económica da súa contribución ao ecosistema e desenvolver ferramentas e modelos de apoio na toma de decisións.

Por este motivo, explican desde a universidade, en diferentes zonas experimentais elixidas para este proxecto, as e os investigadores estudarán as citadas interaccións co fin de desenvolver novas prácticas para unha xestión máis sostible do territorio e contribuír a unha toma de decisións máis obxectiva.

Concretamente, seleccionáronse 25 emprazamentos experimentais, con diferentes niveis de presión debido ás prácticas de xestión neles e en diferentes rexións bioxeográficas: alpina (Suíza), atlántica e mediterránea (España), continental (Alemaña) e a rexión boreal (Letonia). Nelas abárcanse oito usos diferentes do solo para estudar a aplicación de prácticas de xestión sostible. Na rexión Atlántica que coordina a UVigo, os casos de estudo encóntranse nos concellos de Toén e Ourense, abarcando diferentes presións nos usos de agricultura, seminatural, humidal, urbano e mineiro.

0.18638515472412