Un total de 61 Maios decoraron as rúas de Ourense este domingo

OurenseXa
A Asociación Cultural Os Lolailos e a Asociación Recreativa e Cultural Andén Primeiro obtiveron o primeiro premio nas categorías de Maio artístico e Maio enxebre, respectivamente
maios-ourense-2025
5 May 2025

O tradicional Concurso de Maios e Coplas convocado polo Concello de Ourense con motivo da Festa dos Maios 2025 eliixiu aos seus gañadores na tarde deste domingo. Tras avaliar as creacións dos 61 participantes e escoitar as coplas presentadas, o xurado determinou os premiados nas distintas categorías.

Na categoría de Maio artístico, o primeiro premio foi para a Asociación Cultural Os Lolailos coa súa obra Fonte da Praza do Ferro, galardoada con 1.000 euros. O segundo premio, dotado con 800 euros, recaeu en A Pulpeira, de Óscar López González. O terceiro posto, cun premio de 600 euros, foi para A Matanza, da Asociación de Veciños San Martiño de Sobral.

En canto á categoría de Maio enxebre, o primeiro premio, de 700 euros, foi para a Asociación Recreativa e Cultural Andén Primeiro pola súa proposta Andén Primeiro. O segundo galardón, de 500 euros, foi para Porta da Primavera, de Serman Pedro Fernández. O terceiro premio, dotado con 400 euros, correspondeu á Asociación Amigos do Patrimonio de Toén, coa obra Patrimonio de Toén.

Na modalidade de Maio infantil, o primeiro premio foi para a AFA Manuel Sueiro pola creación AFA Limiar Manuel Sueiro, cunha dotación de 500 euros. O segundo, con 300 euros, foi para o ANPA O Areal con O Areal ao Natural, e o terceiro premio, de 200 euros, foi para a Asociación Grupo Scout ILEX 365 co Maio Scout.

O xurado outorgou tamén un recoñecemento especial na categoría de Maio creativo, dotado con 500 euros, á Asociación Provivenda pola súa obra O Maio Migrante 2025.

No apartado de Coplas de persoas adultas, o primeiro premio, con 500 euros, foi para Bernardo José Marques Rodríguez. A Asociación Provivenda acadou o segundo premio, de 300 euros, mentres que o terceiro, dotado con 200 euros, foi para a Asociación Cultural A Galleira.

Por último, na categoría de Coplas infantís, o primeiro premio recaeu na Asociación Grupo Scout ILEX 365, que recibirá 500 euros. O segundo, de 300 euros, foi para Uxía Afonso Crespo, e o terceiro premio, con 200 euros, foi para o CEIP Plurilingüe As Mercedes.
O Concello de Ourense felicita a todas as persoas e entidades participantes polo seu compromiso coa tradición e a creatividade, que cada ano enchen as rúas da cidade de cor, música e identidade cultural.

⚙ Configurar cookies
0.15233182907104