Unanimidade na Deputación para recuperar o proxecto de soterramento de Otero Pedrayo

O Pleno da Deputación de Ourense aprobou este venres por unanimidade a moción presentada polo Grupo Provincial Socialista para retomar o proxecto de soterramento da avenida de Otero Pedrayo, unha actuación longamente reivindicada na cidade. A iniciativa defende a recuperación deste proxecto e a fixación dun calendario concreto para a súa execución.
Durante o debate, o deputado socialista Diego Fernández defendeu que “este é un proxecto fundamental para mellorar a conectividade urbana, eliminar a barreira física que supón a vía e revalorizar todo o entorno”. Na mesma liña, subliñou que “o soterramento de Otero Pedrayo non é só unha cuestión de mobilidade, senón unha aposta estratéxica polo desenvolvemento urbanístico da cidade e pola mellora da calidade de vida dos veciños e veciñas”. Fernández reclamou que o consenso acadado no pleno se manteña fóra da institución e pediu a todas as forzas políticas que “presionen ante as súas respectivas administracións para que o proxecto se faga realidade”.
Na mesma sesión plenaria tamén saíron adiante as emendas de adición presentadas polo Grupo Socialista ás mocións do PP e do BNG sobre o sector agrogandeiro. Estas propostas incorporan medidas orientadas a reforzar a produción de proximidade na provincia, como campañas de promoción do consumo de produtos locais e de quilómetro cero, así como a implantación dun sistema de compra pública prioritaria de alimentos producidos en Ourense para o abastecemento de servizos e centros dependentes da Xunta.
O voceiro socialista, Álvaro Vila, defendeu que “non abonda con declaracións xenéricas, cómpre impulsar medidas que apoien de verdade aos nosos produtores e poñan en valor o que se produce aquí”. Segundo explicou, o obxectivo é crear canles estables de comercialización e dinamizar a economía do rural ourensán a través de políticas públicas que conecten produción e consumo. Vila lembrou ademais que en febreiro de 2024 o PSOE xa presentara unha moción con propostas concretas para o sector agropecuario, que foi rexeitada polo PP e cuestionada polo BNG.