Unha conferencia aborda en Ourense as formas para loitar contra a trata e a explotación sexual

OurenseXa
A Unidade de Coordinación contra a Violencia de Xénero da Delegación do Goberno en Galicia organizou a conferencia “Erradicar a trata e a explotación sexual. Unha responsabilidade colectiva” no Liceo de Ourense
Imaxe da conferencia “Erradicar a trata e a explotación sexual. Unha responsabilidade colectiva” no Liceo de Ourense
Imaxe da conferencia “Erradicar a trata e a explotación sexual. Unha responsabilidade colectiva” no Liceo de Ourense
4 Out 2024

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, participou este xoves na conferencia “Erradicar a trata e a explotación sexual. Unha responsabilidade colectiva”, organizada pola Unidade de Coordinación contra a Violencia de Xénero da Delegación do Goberno en Galicia e que tivo lugar Liceo de Ourense; na que estivo acompañado pola presidenta da Asociación para a Prevención, Reinserción e Atención da Muller Prostituída, Rocío Mora; a directora de Red Talento e ex Secretaria de Estado de Igualdade, Laura Seara; e a xefa da pola Unidade de Coordinación contra a Violencia de Xénero da Delegación do Goberno, María Debén.

Durante a súa intervención, o subdelegado comezou lembrando a unha escritora do século pasado para recordar a importante loita polos dereitos das mulleres que se leva a cabo nos últimos tempos. “O outro día lendo sobre Aurora Rodríguez, nai de Hildegart Rodríguez, mulleres brillantes e intelixentes, con moitas inquietudes culturais, que sufriron o ser muller na súa época, dicía que daquela Aurora quería participar nas conversas, aprender, formarse e dar renda solta á súa liberdade creativa, e para poder facelo quería despoxarse da súa feminidade, e todo iso pasou fai 100 anos”, contou.

“Agora a sociedade vai cambiando, grazas a gobernos que se comprometen, como o actual Goberno de España, que é o primeiro que se define a si mesmo como feminista, sen engadidos. E compre dicilo porque iso vai levar a que todas as súas políticas se impregnen dese feminismo e que se teña constancia de que esta tremenda discriminación da muller durante séculos aínda non desapareceu”, explicou Santos.

Para por en evidencia que este problema continúa, o subdelegado fixo repaso de tres desmantelamentos de organizacións de trata de mulleres que a Garda Civil e a Policía Nacional levaron a cabo nos últimos 4 meses na provincia. “As mulleres estaban en situación de absoluta escravitude e isto está pasando agora. Comprometerse a dicir que es feminista tamén te compromete a loitar contra iso”, apuntou.

Nesta liña de actualidade, Eladio Santos puxo o foco en que a localización de pisos e a ciberprostitución son aspectos que están a dificultar o traballo dos axentes neste eido. “Hai que facer algo, porque se cambia o modelo criminal, hai que formar aos axentes e o Goberno do Estado comprométese a esa formación, porque hai un campo aí moi importante que traballar”, concluíu.

0.19719195365906