Unha moción socialista logra apuntalar o carácter público do servizo de recollida de basuras
A instancias do Grupo Provincial Socialista, a Deputación de Ourense ven de sancionar definitivamente o modo de xestión directa do servizo público de recollida, transporte e tratamento de residuos de competencia municipal. Álvaro Vila, voceiro provincial socialista na Deputación, amosouse “moi satisfeito ao lograr reverter os designios da anterior corporación do PP para privatizar un servizo que se entoxa fundamental para moitos concellos ourensáns”. Segundo este, “a conversión deste servizo público nun negocio privado a través da adxudicación a unha empresa mercantil implicaría recortes nas prestacións que perciben dous terzos dos habitantes da provincia, involucrando grandes prexuízos para os municipios afectados”.
Malia a convicción amosada polo PP de Xosé Manuel Baltar Blanco para deixar o servizo en mans dun operador privado, que foi sustentada por DO, toda vez deu comezo a nova lexislatura os socialistas volveron á carga. Neste senso, o grupo provincial do partido da rosa presentou unha moción no pleno do pasado decembro instando ao goberno provincial a un “compromiso categórico” para desbotar calquera iniciativa dirixida á privatización ou externalización do servizo recollida, transporte e tratamento de residuos, e apuntalar o seu carácter público para avanzar cara o seu reforzamento, ampliar as prestacións á veciñanza e mesmo garantir unhas mellores condicións laborais aos traballadores afectados.
En cumprimento da moción do grupo socialista, que foi aprobada pola maioría de grupos, incluído o PP, o 8 de marzo a presidencia provincial ditou unha providencia para incoar expediente de execución do acordado no Pleno de 22 de decembro de 2023, instando aos técnicos da Área de Medio Ambiente para emitir un informe ao respecto. O informe técnico do director de área de Medio Ambiente conclúe o 19 de marzo que o mantemento da xestión directa do servizo é viable. Considerando todo o anterior, o carácter público do servizo víuse finalmente sancionado pola Comisión Universal de seguimento, vixilancia e control do Convenio marco de cooperación entre Deputación Provincial de Ourense e concellos para a recollida, transporte e tratamento de residuos.
Ata 74 concellos, que representan o 80% dos municipios ourensáns e máis de 200.000 veciños, dependen do servizo de recollida e transferencia de lixo en réxime de competencia delegada. A Deputación de Ourense tamén se ocupa da recollida selectiva de envases lixeiros nunha vintena de concellos, de papel e cartón en até seis e de vidro en outros nove, asumindo o servizo de Punto Limpo en 64 municipios. Co voto favorable de PP, DO e unha deputada non adscrita, en decembro de 2021 aprobouse o cambio do modo de xestión do servizo “esgrimindo unicamente eminentemente políticos, que non implican ningún beneficio para veciñanza e traballadores, nin en termos de eficacia, eficiencia e sustentabilidade económica”, destacou Vila.