Unha oncóloga do CHUO coordina a nova guía nacional sobre o cancro de esófago

OurenseXa
A doutora Ana Fernández Montes lidera a actualización das recomendacións clínicas nesta guía que incorpora avances clave para mellorar a atención aos pacientes
ana-fernandez-montes
Ana Fernández Montes
20 Mar 2026

A doutora Ana Fernández Montes, oncóloga do Servizo de Oncoloxía Médica do Hospital Universitario de Ourense, lidera a nova Guía Nacional para o diagnóstico e tratamento do cancro de esófago. Esta actualización incorpora os avances máis recentes no manexo desta enfermidade, ofrecendo orientacións máis precisas aos profesionais sanitarios.

A elaboración da “Guía clínica SEOM-GEMCAD-TTD de cáncer de esófago 2025” realizouse con especialistas de toda España e contou coa coordinación da doutora María Alsina, do Hospital Universitario de Navarra, nun proxecto impulsado polas principais sociedades científicas de oncología do país.

O cancro de esófago segue sendo unha enfermidade grave, cunha supervivencia baixa. En España diagnostícanse arredor de 1.800 casos novos ao ano, cunha taxa de supervivencia a cinco anos que oscila entre o 15% e o 20%. A guía destaca a diferenza entre os dous tipos principais —carcinoma escamoso e adenocarcinoma—, xa que requiren enfoques terapéuticos distintos. Entre os factores de risco máis relevantes están o consumo de tabaco e alcohol, así como o refluxo gastroesofáxico e a obesidade.

No ámbito do diagnóstico, o documento subliña a importancia de probas precisas como endoscopia con biopsia e estudos de imaxe, que permiten determinar a extensión do tumor e definir o tratamento máis axeitado para cada paciente.

En canto ao tratamento, a guía aposta por un enfoque multidisciplinar. Nos casos iniciais, recoméndanse técnicas menos invasivas, como a resección endoscópica ou a cirurxía, mentres que nas fases máis avanzadas a combinación de quimioterapia, radioterapia e cirurxía constitúe o estándar.

Segundo explica a doutora Fernández Montes, “un dos avances máis relevantes desta actualización é a incorporación de novos tratamentos dirixidos e da inmunoterapia, que permiten mellorar a resposta do organismo fronte ao tumor e incrementar as opcións terapéuticas, especialmente nos casos máis avanzados”.

A guía tamén establece novos esquemas de tratamento para o adenocarcinoma localizado avanzado, mellorando a supervivencia dos pacientes, e define recomendacións máis precisas para o seguimento tras o tratamento. Fernández Montes subliña que “a mellora dos resultados clínicos depende en gran medida dun enfoque coordinado entre diferentes especialidades médicas, así como dun seguimento continuado dos pacientes para detectar posibles recaídas e mellorar a súa calidade de vida”.

Con esta actualización, coordinada desde Ourense, os profesionais sanitarios dispoñen de ferramentas baseadas na evidencia científica máis recente, avanzando cara a unha medicina máis personalizada e eficaz no tratamento do cancro de esófago.

0.13567900657654