Unha trintena de novos artesáns participaron na iniciativa ‘Arte nas mans’ en Allariz

OurenseXa
Neste campamento desenvólvense obradoiros de cianotipias, elaboración de papel artesanal, papel marmolado, encadernación xaponesa e tecido de tapices, impartidos por Peixesapop
campamento-artesania-allariz
20 Jul 2025

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, acompañado da xerente da Fundación de Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitou esta fin de semana o campamento de verán ‘Arte nas mans: unha viaxe pola artesanía’, unha iniciativa conxunta da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude desenvolvida por primeira vez este ano e dirixida a persoas de entre 18 e 30 anos. Alén puxo de relevo esta fin de semana a aposta da Xunta a prol da atracción de talento mozo e da remuda xeracional na artesanía de Galicia con accións de difusión ligadas ao territorio.

O director xeral explicou que esta actuación se enmarca no programa Acción de Verán 2025, ten lugar desde o pasado 17 de xullo ata este domingo no albergue de Allariz e con ela as 30 persoas participantes afondan nos oficios artesanais. A cifra de participantes no campamento está incluída nas 11.630 prazas que a Xunta ofrece na súa programación estival deste 2025, sendo a maior oferta da súa historia, e que abrangue tamén campamentos, os minicampamentos Coñece Galicia, actividades para maiores de 18 anos ou a posta a disposición das instalacións xuvenís xestionadas pola Administración autonómica para o seu uso.

En concreto, neste campamento desenvólvense obradoiros de cianotipias, elaboración de papel artesanal, papel marmolado, encadernación xaponesa e tecido de tapices, impartidos por Peixesapop. Tamén hai un de cestería, a cargo de Julia de la Cal-La Parabólica, gañadora do Premio Artesanía de Galicia 2024, outro de estampaxe téxtil de La Platanera e o de torno cerámico, que imparte Carlos San Claudio.

Trátase dunha aprendizaxe de oficios tradicionais, subliñou Gabriel Alén, á que se suman a experiencia da convivencia, a aprendizaxe e desenvolvemento persoal nunha contorna única rodeada de paisaxes naturais. Deste xeito, explicou, o Goberno galego busca atraer o talento mozo ao sector artesanal e ensinarlle á mocidade o valor da artesanía como emprendemento ligado ao territorio. Ao mesmo tempo, engadiu, achégase ao alumnado ao valor do feito a man, da exclusividade e da sustentabilidade, xa que se trata dun sector con baixa pegada ecolóxica.

Este labor de divulgación que realiza a comunidade galega dos oficios artesanais é unha das liñas de actuación que potencia a Xunta a través do pulo ao labor dos obradoiros ahderidos a Artesanía de Galicia, que no caso da provincia de Ourense son arredor de 70. Forma parte dunha aposta estratéxica que se reflicte no Plan Estratéxico de Comercio 2025-2030 (320 millóns de euros), que inclúe medidas dirixidas a promover a remuda xeracional e fomentar novas vocacións de emprendemento vencelladas á artesanía, como as futuras bolsas de aprendices para o programa Aprender da tradición. Oficios e técnicas, co que o Executivo autonómico promove a profesionalización no sector artesán, a atracción de talento mozo e a remuda xeracional en oficios tradicionais.

A isto súmanse outras iniciativas como os Premios Artesanía de Galicia 2025, do que o prazo de presentación de candidaturas será desde o luns 15 de setembro ata o venres 26 de setembro—. Con esta iniciativa -que inclúe tres categorías: Premio Artesanía de Galicia, Premio Traxectoria e as tres Bolsas Eloy Gesto- Galicia busca recoñecer e visibilizar o traballo do sector divulgando os seus oficios, novos talentos e promover a remuda xeracional e a introdución da innovación.

⚙ Configurar cookies
0.29059314727783