Unha vintena de comercios participan na Campaña do Día do Pai de Barbadás

OurenseXa
A campaña estenderase dende hoxe ata o 19 de marzo
presentación_campaña_dia_do_pai_barbadas
Presentación da Campaña do Día do Pai, Concello de Barbadás
12 Mar 2024

O comercio local de Barbadás demostrará todo o seu potencial na Campaña do Día do Pai, na que participan unha vintena de establecementos ofrecendo produtos de gran variade e idóneos para regalar nestas datas. Así o destacou a concelleira de Comercio, Marga Pérez, no acto de presentación desta campaña que se estenderá dende hoxe ata o 19 de marzo e que repartirá 6 bonos de compra de 50 euros entre a clientela.

A concelleira animou a toda a cidadanía a participar nesta iniciativa que pretende dinamizar o sector: “Invitamos a mercar no comercio local  de Barbadás a todos os veciños e veciñas, tamén aos de concellos próximos, xa que os negocios ofertan unha gran variedade de propostas de calidade”.

Por cada 20 euros de compra os clientes recibirán unha papeleta que deberán completar cos seus datos persoais e que será introducida na urna. En cada sorteo serán os nenos e nenas que participen nos obradoiros e na animación os que escollan as  papeletas premiadas.

Na Campaña do Día do Pai de Barbadás participan os seguintes establecementos: Más que un Sueño, Galiwork, Y yo con estos pelos, Elma, Toffee Glass, Tapería Vely, MyS Lencería, La Cigüeña, Calzados Zocos, Gaia Contigo, Oren Óptica, Tapería Tarona, Ohana Baby&Deco, Esencia Zen, Ethan Estilismo, Wakanda Tapería, Bel, Libería Carlin, Donicela e Librería Moraima.

Unha aposta polo asociacionismo

O comercio representa unha gran aportación á economía de Barbadás e así o subliñou o alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, animando aos comerciantes a unirse para ser así máis fortes: “O comercio deste concello é de gran calidade e serve para atraer poboación, por iso convido aos negocios a que aposten polo asociacionismo, para seguir mellorando e para achegarse á veciñanza e a outros mercados”. Tamén insistiu o rexedor na importancia da formación que ofrece o Concello aos comerciantes para favorecer a súa incorporación ao mundo virtual.

0.13114881515503