Unha vintena de persoas participaron en Ourense nun obradoiro de alimentación para persoas con Enfermidade Renal Crónica

ALCER Ourense, a Asociación para a Loita Contra as Enfermidades Renais de Ourense, organizou este luns un obradoiro de alimentación dirixido a persoas con patoloxía renal, en colaboración co chef Martín Fernández de Bágoa Gastrobar e a nutricionista Uxía Tumbeiro.
A actividade reuniu a 21 participantes, entre persoas asociadas, membros do equipo técnico de ALCER e persoal sanitario. Durante o obradoiro, Tumbeiro impartiu unha sesión teórica adaptada ás necesidades específicas de quen convive coa Enfermidade Renal Crónica (ERC), mentres que Fernández elaborou dúas composicións culinarias que ilustraban os conceptos explicados.
Os participantes destacaron a creatividade das receitas, que incorporaban ingredientes como ñoquis de cabaza e queixo da Gandaría Puluan, e amosaron unha actitude aberta e colaborativa, achegando dúbidas e suxestións para adaptar pratos cotiás a unha alimentación saudable para pacientes renais.
Con motivo do Día Mundial do Ril, o 12 de marzo, Bágoa Gastrobar tamén ofreceu un menú especial para 18 comensais, entre persoal técnico e asociados de ALCER Ourense. O menú incluíu hummus de faba de Lourenzá con Mariñeiras, cogomelos de Tudela á brasa con vinagreta de mazá confitada, robaliza da ría con crema de coliflor e pataca, e unha pera conxelada con xeado de vainilla artesanal. Todas as elaboracións respectaron criterios de alimentación saudable, sen sal engadida e con prioridade a verduras e proteínas.
Ao finalizar a xornada, o presidente de ALCER Ourense, Miguel Quintas, agradeceu a colaboración do chef e destacou a importancia de iniciativas que combinan gastronomía e sensibilización sobre a enfermidade renal, como parte da estratexia da asociación para 2026, centrada en concienciación, prevención e fomento de hábitos saudables.