Victoria Morenza, elixida secretaria xeral da nova Executiva Local do PSdeG-PSOE de Barbadás

OurenseXa
A nova executiva comeza esta etapa coa mirada posta nas eleccións de 2027, marcándose como meta “recuperar a alcaldía de Barbadás e impulsar un proxecto socialista centrado no progreso do municipio”
comision-executiva-psdeg-psoe-barbadas
9 Mar 2026

A Agrupación Socialista de Barbadás vén de constituír a súa nova comisión executiva local, logo da celebración dunha asemblea extraordinaria que tivo lugar o pasado venres e na que a militancia respaldou, por unanimidade, a única candidatura presentada e encabezada pola actual voceira do grupo municipal socialista, Victoria Morenza Doforno, que será a nova secretaria xeral.

Esta nova executiva local “estará formada por un equipo que combina compromiso, experiencia e ilusión por fortalecer o proxecto socialista no municipio”, sinalan dende a Executiva Provincial do PSdeG-PSOE de Ourense.

Morenza Doforno estará acompañada nesta nova etapa por Ana Belén Peleteiro, como responsable de organización, Alejandro Destar Liste, que asumirá a secretaría de política municipal e acción electoral, e Modesta Seara Selas será a secretaria de igualdade, sanidade e servizos sociais. Pola súa banda, Noemí Pintos Fondevila encargarase da área de deportes e mocidade; José Carlos Álvarez Iglesias será o secretario de novas tecnoloxías; e Isabel Calabria Díaz asumirá a secretaría de infraestruturas e servizos públicos.

Dende o partido destacan a “unidade” da militancia arredor deste proxecto político, impulsado co obxectivo de “reforzar o traballo do socialismo en Barbadás e seguir construíndo unha alternativa sólida, de calidade e concienciada en mellorar o futuro do municipio”.

A nova comisión executiva local comeza esta etapa coa mirada posta xa nas eleccións municipais de maio de 2027, marcándose como meta “recuperar a alcaldía de Barbadás e impulsar un proxecto socialista centrado no progreso do municipio, traballando en positivo e poñendo sempre no centro os intereses e o benestar dos veciños e veciñas”.

Dende a Agrupación Socialista de Barbadás destacan que esta nova etapa supón “un paso adiante para fortalecer a organización e continuar construíndo un proxecto de futuro para Barbadás baseado na igualdade de oportunidades, na mellora dos servizos públicos e no desenvolvemento sostible do municipio”.

0.094861030578613