O Centro Cultural Marcos Valcárcel inaugura a exposición “A música do silencio” de Vidal Souto

O Centro Cultural Marcos Valcárcel acolle desde hoxe “A música do silencio”, unha exposición dedicada ao artista ourensán Vidal Souto, que permanecerá aberta ata o 11 de xaneiro de 2026. A mostra reúne unha selección de obras inéditas conservadas no seu estudo, ofrecendo unha nova ollada sobre a traxectoria dun creador clave na arte contemporánea galega.
Durante o acto inaugural, o vicepresidente segundo e deputado de Cultura, César Fernández, destacou que con esta mostra a Deputación de Ourense quere “poñer en valor tanto a figura como a obra dun autodidacta que conseguiu converterse nun xigante”, subliñando o compromiso da institución con recoñecer aos artistas que levaron o nome da provincia máis alá das súas fronteiras.
A exposición recolle traballos realizados desde os anos noventa ata as últimas creacións de Vidal Souto, e inclúe pintura, escultura, acuarelas e litografías, con especial protagonismo das pezas de gran formato. A mostra pretende ser, ademais dunha homenaxe, unha oportunidade para redescubrir a sensibilidade e a forza expresiva dun artista que fixo da quietude e da emoción a esencia da súa obra.