Vinte e seis estudantes de sexto de medicina inician hoxe as súas prácticas en Ourense

OurenseXa
Os estudantes, procedentes da USC, “rotarán” polos servizos básicos, tanto hospitalarios como de atención primaria, ao longo de 29 semanas
Estudantes do MIR-0 ás portas do CHUO
9 Sep 2024

O presidente da Comisión de Docencia, Jesús García Mata, e os coordinadores docentes das distintas áreas clínicas do Hospital Universitario de Ourense deron hoxe a benvida aos vinte e seis alumnos e alumnas de sexto de Medicina, da Universidade de Santiago de Compostela, que elixiron os centros públicos de Ourense para realizar o “rotatorio” últimas prácticas clínicas previas a súa graduación como médicos.

Os alumnos rematan con esta formación os seus créditos para a obtención do título de médico tras superar os exames correspondentes da USC. Estes alumnos cursan materias de Práctica Clínica en anteriores cursos, onde se achegan á atención hospitalaria e do centro de saúde, e adquiren competencias xerais. En sexto curso, afondan xa en competencias máis específicas en cada ámbito, e afianzan os coñecementos máis globais.

Durante estas prácticas, denominadas coloquialmente MIR-0, os estudantes de Ourense “rotarán” polos servizos básicos, tanto hospitalarios como de atención primaria, ao longo de 29 semanas, sempre acompañados dun titor, que os guiará e os avaliará de xeito continuado, realizando ademais, ao remate da rotación en cada servizo, un exame de casos clínicos.

O obxectivo é conseguir o nivel de competencia preciso para o exercicio da medicina, de dominio dos coñecementos e habilidades manuais; recoñecemento de problemas; selección das probas complementarias a cada proceso; xuízo clínico e prescrición de tratamento racional, ademais doutras habilidades, non menos importantes, como recoñecer aspectos psicolóxicos ou sociais que afectan ao enfermo, aplicando principios éticos como o respecto polo paciente- e a adecuada comunicación e relación co paciente e os seus familiares.

Inmersión nas especialidades médicas

Ás portas do exame MIR, para os alumnos e alumnas este período supón tamén unha oportunidade para afondar nas distintas especialidades e seu día a día na práctica, servindo esta “inmersión” moitas veces para decidir que especialidade ou especialidades lle gustan máis.

O itinerario de prácticas esta regrado por especialidades e tempo de permanencia. O máis extenso se corresponde coa Clínica Médica, 10 semanas consecutivas (18 créditos). Con 5 semanas e 9 créditos, as prácticas de Clínica Cirúrxica danlle paso polos servizos de cirurxía e traumatoloxía, mentres que o resto do período repártese con 3 semanas (6 créditos) en cada área clínica Obstétrica e Xinecolóxica; Pediátrica; Psiquiátrica, e de Medicina Familiar e Comunitaria; ademais de 2 semanas (3 c.) en urxencias e servizos centrais ou diagnósticos.

Na área médica os estudantes poden rotar por Cardioloxía, Oncoloxía, Neuroloxía, Pneumoloxía, Dixestivo, Nefroloxía, Reumatoloxía, Endocrinoloxía, Medicina Interna ou Medicina Intensiva, con estanza en alo menos tres destes servizos un mínimo de tres semanas. Igualmente, a rotación de Urxencias inclúe a realización de prácticas tanto nos servizos de urxencias hospitalarios como nos Puntos de Atención Continuada de Atención Primaria.

A rotación en Medicina de Familia e Comunitaria faise en Ourense nos centros de saúde acreditados para docencia, coa particularidade da nosa Área de dispoñer de centros acreditados no medio rural, como o de Leiro, o que permite aos estudantes coñecer de primeira man o núcleo mesmo da atención primaria, así como os atractivos desta práctica clínica, o que desde hai anos demanda moitas sociedades médicas, para promover a súa elección.

Os coordinadores da Área Sanitaria de Ourense nas distintas áreas clínicas do curso 2024-25 son Eva Fernández, Clínica Médica; Pedro Trillo da Cirúrxica; Marta Vázquez de Obstetricia e Xinecoloxía; Santiago Fernández Cebrián de Pediatría; David Simón de Psiquiatría; Mª José Fernández de Medicina de Familia e Comunitaria; e Pablo Pérez Antolín de Urxencias.

0.16599297523499