Vintecinco nenos e nenas saharauís visitan Ourense dentro do programa “Vacacións en Paz”

Un grupo de 25 nenos e nenas saharauís que están a pasar o verán en distintos municipios da provincia participaron este venres en sendos actos de benvida organizados en Ourense. Estes menores proceden dos campamentos de refuxiados de Tindouf, en Arxelia, e forman parte do programa “Vacacións en Paz”, impulsado desde hai máis de 30 anos pola Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui (SOGAPS).
No salón de plenos do Pazo Provincial, o deputado de Representación Institucional, Rosendo Fernández, deu a benvida aos nenos e nenas xunto coas súas familias de acollida. Fernández lles lembrou que “a Deputación de Ourense, o concello de concellos da provincia, é a vosa casa”, nun xesto de apoio constante que esta institución mantén desde hai décadas.
Doutra banda, no Concello de Ourense, o alcalde Gonzalo Pérez Jácome recibiu trece destes menores que están aloxados en familias da cidade e doutros municipios próximos. Durante o acto tamén estiveron presentes representantes de SOGAPS e as familias que acollen aos nenos e nenas.
O programa ten como obxectivo principal ofrecer a estes menores, que naceron nun entorno marcado polo conflito e as difíciles condicións dos campamentos, a oportunidade de gozar dun verán lonxe do deserto. Ademais, permítelles acceder a revisións médicas, unha alimentación equilibrada e vivir unha experiencia de intercambio cultural que enriquece a súa formación e fomenta o entendemento entre os pobos saharaui e galego.
Este ano, arredor dunha trintena de nenos e nenas participan nesta iniciativa solidaria na provincia de Ourense.