Voces Femininas celebrará a súa maioría de idade coas actuacións de Raposa, Katherine Priddy e Laaza

O festival Voces Femininas regresa ao Teatro Principal o vindeiro 28 de novembro para celebrar a súa maioría de idade cun cartel formado por Katherine Priddy, unha das voces máis cautivadoras da nova escena británica; Raposa, unha proposta de María Villanueva con arranxos de Rubén Abad, na que explora paisaxes sonoros que abrazan a música clásica, o jazz, o pop ou a canción protesta, e Laaza, a iniciativa da barcelonesa Laura Aznar que mestura pop alternativo, xota e electrónica minimalista.
O certame que leva 18 edicións apostando polas artistas mulleres, nun formato innovador e reforzado nos últimos anos con figuras de talla internacional, foi presentado esta mañá nun acto que contou coa presenza do vicepresidente segundo da Deputación e deputado de Cultura, César Fernández, que puxo en valor a “aposta directa pola calidade artística” dende a Deputación de Ourense. Fernández convidou ao público a desfrutar dunha “oportunidade única” cun festival “de referencia en Galicia”.
O festival, destacan dende a organización, trae este ano a artistas de primeiro nivel, consolidándose como un dos certames máis relevantes do panorama galego.