Xa pode verse en Allariz a mostra “Vicente Risco e Daniel Castelao: Galiza como proxecto vital”

A Fundación Vicente Risco, en colaboración co Concello de Allariz, organiza este outubro o ciclo “Vicente Risco e Daniel Castelao: Galiza como proxecto vital”, unha serie de actividades que buscan achegarse á obra e ao pensamento de dúas das figuras máis relevantes da cultura galega. Esta iniciativa ten como motivo principal a celebración do Ano Castelao 2025, no que Galicia conmemora o 75 aniversario do seu falecemento.
Con motivo desta cita, esta fin de semana abriu ao público na sede da Fundación a mostra Vicente Risco e Daniel Castelao: Galiza como proxecto vital’, que reúne unha ampla selección de debuxos, manuscritos, textos literarios, correspondencia, proxectos teatrais, poemas, gravados, portadas de revistas e libros, así como fotografías, que amosan a diversidade creativa e o compromiso intelectual de ambos pensadores. A través desta exposición, as persoas visitantes poderán coñecer máis de preto a súa vida e as súas achegas culturais.
O ciclo comezou xa o pasado venres 3 de outubro coa proxección das curtametraxes ‘O Pai de Migueliño’ (Miguel Castelo) e ‘Antes de Nós’ (Ángeles Huerta), e ciclo pecharase o sábado 13 de decembro de 2025, ás 10:30 horas, tamén na Fundación Vicente Risco, coas xornadas arredor de Risco e Castelao, nas que se profundará no seu legado .