Xa pode verse na Sala Valente a exposición “Arsenal de la Quimera”, de José Lino Monjardín

A sala municipal José Ángel Valente acolle desde este martes a exposición “Arsenal de la Quimera”, unha mostra do artista José Lino Monjardín Fernández que reúne preto de medio cento de obras.
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e a concelleira de Artes e Festexos, Noa Rouco, acompañaron ao autor no acto de inauguración desta proposta artística, que poderá visitarse ata o vindeiro 8 de marzo no espazo cultural situado na rúa do Paseo.
A exposición está composta por arredor de cincuenta pezas de mediano e grande formato, realizadas con técnica mixta á auga sobre papel. Nelas destacan o intenso colorido e o marcado xogo cromático, elementos que vertebran o conxunto da mostra.
“Arsenal de la Quimera” poderá visitarse de martes a sábado en horario de 11:30 a 13:30 horas e de 18:30 a 21:30 horas, e os domingos de 11:00 a 13:30 horas.