Xa pode visitarse en Celanova a mostra ‘Arte en tinta’

A Casa dos Poetas de Celanova acolle ata o 18 de xuño a exposición ‘Arte en tinta’, grazas a un acordo de colaboración entre Afundación, Abanca e o Concello de Celanova. Estará aberta ao público de martes a sábado, en horario de 10.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 19.00 horas.
‘Arte en tinta’, conformada por obras da Colección de Arte Afundación, realiza un percorrido por conceptos, temas, estilos e linguaxes presentes na arte contemporánea a través de nomes destacados do panorama español e galego. O hiperrealismo de Eduardo Naranjo ou Quintana Martelo, o mundo onírico de Jorge Castillo, a delicadeza de Carmen Laffon, o equilibrio luminoso de Berta Cáccamo, a abstracción de Broto ou o volume de Chillida son algúns dos aspectos que afloran nesta mostra.
Este proxecto supón un apoio á técnica do gravado, tan descoñecida como interesante, e que foi utilizada por algúns dos máis importantes nomes do noso panorama artístico para realizar traballos de gran forza expresiva. A temática das diferentes obras flúe desde o concreto ao abstracto, dos obxectos á arquitectura, dos animais ás persoas. O real, o imaxinario e o abstracto conviven nos diferentes procesos e técnicas do gravado (augaforte, augatinta, xilografía, litografía, serigrafía, electrografía, punta seca, etc.). Estas distintas temáticas, compartindo un mesmo espazo, permiten transmitir que a énfase da exposición reside na diversidade, nas posibilidades inherentes ás técnicas do gravado e, por suposto, na liberdade creativa da arte contemporánea.