Xa pode visitarse en Celanova a mostra “Criptografías” de Baldo Ramos e Pepe Cáccamo

A Casa dos Poetas de Celanova inaugura este pasado venres 8 de agosto, unha nova exposición que recolle o traballo conxunto de Baldo Ramos e Pepe Cáccamo, froito dunha colaboración que se mantén dende hai máis dunha década no eido da poesía discursiva e visual.
O acto inclúe a presentación do libro Criptografías, publicado por Alvarellos Editora, con lectura dalgúns dos criptopoemas que o integran e a exhibición de 14 pezas orixinais. Tamén se mostrarán 10 libros de artista e libros-obxecto creados para a ocasión, que dialogan coa memoria e a obra de Celso Emilio Ferreiro, figura coa que a familia de Pepe Cáccamo mantivo unha estreita relación persoal.
Segundo lembran os autores, foi precisamente a celebración do centenario de Celso Emilio, hai 13 anos, a que propiciou o seu primeiro encontro, durante a rodaxe dun documental no cemiterio de San Breixo.
Baldo Ramos, recentemente incorporado á Fundación Curros Enríquez, destaca o valor persoal desta cita: “Estarei encantado de vervos unha vez máis na Casa dos Poetas, nesa rúa na que empecei a escribir cando tiña 17 anos, naquel tempo afastado no que vivín entre as casas de Curros e Celso Emilio”.
A exposición permanecerá aberta ao público ata o 30 de setembro, de martes a sábado (excepto festivos), no horario habitual da Casa dos Poetas.