Xa pode visitarse en Ourense a exposición ‘Picasso protagonista. Viñetas no cómic español contemporáneo’

OurenseXa
A mostra rende homenaxe a un dos artistas clave das vangardas do século XX e icona da modernidade a través dun orixinal percorrido por máis de 170 pezas
mostra-picasso-ourense
20 Sep 2025

Ourense acolle ata o 18 de xaneiro na Sala de Exposicións Afundación a mostra ‘Picasso protagonista. Viñetas no cómic español contemporáneo’, organizada por Afundación, a Obra Social de ABANCA. Trátase dunha proposta inédita que ofrece unha lectura do mito picassiano a través de máis de 170 pezas, moitas delas creadas expresamente para este proxecto.

A exposición poderá visitarse en horario de tarde durante a semana e con dobre quenda nas fins de semana e festivos. Con esta iniciativa, Afundación reafirma o seu compromiso coa ilustración e o cómic, unha liña na que vén traballando nos últimos anos con proxectos como a ‘Mostra de Ilustración Contemporánea’, o festival de animación ‘Imaxinaria’ ou a Comicteca Afundación, inaugurada en Vigo en 2024.

‘Picasso protagonista’ busca, segundo a organización, “profundar no mito de Picasso e entender como se integra no imaxinario colectivo da cultura española do noso tempo”. Para iso reúne obras de 40 autoras e autores galegos e españois, entre eles nomes tan recoñecidos como Paco Roca, Eneko, Javier Olivares, María Herreros, Idígoras e Pachi, David Rubín, Jacobo Serrano, Cynthia Alonso ou Óscar Raña. No seu conxunto, constrúese un retrato contemporáneo do artista malagueño a través de historietas, instalacións, cómics en gran formato, lenzos ou mesmo xogos de mesa experimentais.

O percorrido expositivo articúlase en diferentes apartados temáticos, que inclúen desde ‘O mito de Picasso’, ‘Picasso e outros artistas’ ou ‘A guerra civil española e Guernica’, ata seccións dedicadas aos seus grafismos, os seus iconos máis recoñecibles ou a visión internacional da súa figura.

Entre as pezas destacan a instalación de Gay Lorente, que reinterpreta o ‘Guernica’ con máis de cinco metros de ilustracións, ou o traballo de Pedro Cifuentes, que sintetiza a traxectoria vital e artística do pintor nunha única escena en clave de cómic. Tamén sobresae a achega tecnolóxica da actividade interactiva ‘Ti, protagonista’, que emprega intelixencia artificial para transformar a imaxe das persoas visitantes en obras de estilo picassiano.

A mostra enmárcase ademais no programa solidario ‘Cultura por alimentos’, que anima ao público a colaborar con produtos non perecedoiros destinados aos bancos de alimentos locais a través da Federación Española de Bancos de Alimentos (FESBAL).

⚙ Configurar cookies
0.095392942428589