Xa pode visitarse na Fundación Vicente Risco a mostra ‘Virxilio. A Arte da Vida’

Este 2025 cumpríronse cen anos do nacemento de Virxilio, un dos máis destacados artistas plásticos de Ourense e que pertenceu á xeración dos ‘artistiñas’, bautizados así por Vicente Risco, un grupo que buscou a renovación da escena artística galega no século pasado.
Por este motivo, a Fundación Vicente Risco vén de inaugurar, na súa sede de Allariz, a exposición ‘Virxilio. A Arte da Vida’, que poderá visitarse ata o 30 de setembro e que recolle unha colección de obras custodiadas nos seus fondos.
Virxilio, que comezou a súa traxectoria formándose na Escola de Artes e Oficios de Ourense, trasladouse en 1957 a París para formarse na École Nationale Supérieure des Beaux-Arts. Tras esta etapa, Alemaña foi o país no que o ourensán colleitou máis éxito, levando as súas obras a localidades como Bonn, Berlín e Frankfurt.
A súa obra caracterízase por unha estética que combina a simplicidade formal cunha paleta de cores vibrantes, e hoxe é un símbolo da cultura pictórica non só da provincia, senón de toda Galicia.
Boa conta dela garda a Fundación Vicente Risco de Allariz, que conserva unha gran parte dos seus debuxos. O “intelectual da pintura”, como o definiu o seu amigo Ferrín, chegou á Fundación Risco ao redor de 1995 como padroeiro da man de Ruco Lezcano e Antón, entre outros. “Non se deu moito a ver nas reunións do padroado, pois sempre andaba de viaxe por Francia, Italia, Alemaña, etc., mais a súa presenza non pasaba desapercibida”, sinalan desde a Fundación.
A Fundación conserva como un dos seus maiores tesouros preto dun cento de obras, moitas delas “obra menor”, segundo a catalogación ao uso, que agora están expostas ao público nesta mostra.