Xa se poden solicitar as axudas para material escolar en Educación Infantil en Pereiro de Aguiar

O Concello do Pereiro de Aguiar vén de poñer en marcha unha nova convocatoria de axudas destinadas a familias con nenos e nenas matriculados en Educación Infantil (3, 4 e 5 anos) durante o curso 2025/2026.
A contía prevista é de 90 euros por alumno ou alumna, unha axuda que busca aliviar os gastos derivados da compra de libros e material escolar. O prazo para presentar as solicitudes estará aberto ata o 30 de setembro de 2025.
As axudas están dirixidas a familias con menores recursos económicos. Para poder acceder a elas, os solicitantes deberán cumprir varios requisitos: ter fillos escolarizados en centros públicos ou concertados de Infantil, estar empadroados no municipio desde o 1 de xaneiro deste ano e non superar unha renda per cápita anual de 8.500 euros. No caso de familias con menores cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33%, poderá aplicarse unha excepción.
Con esta medida, o Concello pretende apoiar ás familias con menos poder adquisitivo e contribuír á igualdade de oportunidades no acceso á educación.