Xabier Casares Mouriño, reelixido presidente do Liceo de Ourense

OurenseXa
A entidade celebrou este xoves a súa Asemblea Xeral Ordinaria, na que se fixo balance da actividade anual
asemblea-liceo-ourense
27 Feb 2026

A asemblea de socios do Liceo de Ourense reelixiu a Xabier Casares Mouriño como presidente da entidade, ratificando por unanimidade a súa xestión e a da súa xunta directiva.

A Asemblea Xeral Ordinaria celebrouse na tarde do xoves 26 de febreiro. No transcurso da sesión tamén se aprobaron as contas xerais da sociedade e deuse conta das principais actividades desenvolvidas ao longo do ano 2025.

O pasado exercicio tivo un significado especial para a institución, ao cumprirse 175 anos da súa fundación. Ao longo deste tempo, o Liceo mantivo unha presenza activa na vida cultural e social da cidade, promovendo tertulias, actividades lúdicas e deportivas, así como propostas festivas e formativas orientadas a fomentar a convivencia entre os seus socios.

En 2025, ademais de conmemorar o seu 175 aniversario, a sociedade recibiu do Concello de Ourense a Medalla de Ouro da Cidade, en recoñecemento ao seu labor no fomento da cultura, das artes e da educación, así como á súa contribución á creación dun espírito cidadán aberto e plural. Este galardón supón, segundo se destacou na asemblea, un recoñecemento ao traballo desenvolvido polas distintas xuntas directivas e por xeracións de socios desde a súa fundación.

O Liceo mantén tamén unha liña de colaboración con outras entidades que non dispoñen de espazos propios para o desenvolvemento das súas actividades. Esta cooperación é valorada por distintas institucións, entre elas a Deputación, que inclúe unha achega económica nos seus orzamentos para a entidade.

Así mesmo, colabora de forma estreita coa Sociedade Filatélica Miño, coa Sociedade “Os Cogordos” e co Foro Liceo, integrado por colexios profesionais e colectivos empresariais. A través deste foro elabóranse propostas e traballos orientados a mellorar a situación da provincia, que se trasladan a partidos políticos e institucións.

Durante a asemblea, os socios expresaron o seu orgullo por seren considerados unha das sociedades culturais máis activas de Galicia. En 2025 celebráronse un total de 435 actividades, entre elas actos literarios, concertos, exposicións e conferencias. Destacan ciclos como “Lembrando a…”, dedicado a render homenaxe a figuras relevantes do ámbito cultural, empresarial e científico de Ourense, e “Falando con…”, centrado na análise de temas de actualidade a través do diálogo con distintos protagonistas.

0.12889218330383