Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre darán un concerto na Festa dos Maios de Ourense

OurenseXa
Será o domingo, 4 de maio, na Praza Maior
xabier-diaz-adufeiras-salitre
Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre
9 Apr 2025

Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre actuarán na Festa dos Maios de Ourense 2025. Será o domingo, día 4 de maio, ás 19.30 horas, na Praza Maior, nun concerto que terá lugar tras a entrega de premios do concurso de maios e coplas que organiza o Concello para esta tradicional celebración.

Despois de máis de tres décadas de traxectoria, Xabier Díaz é un dos nomes propios da música de raíz galega. O músico e compositor nacido na Coruña en 1969, foi parte de formacións como Berrogüetto (entre 2008 e 2014), e paralelamente e participou xunto a Guadi Galego, Xosé Lois Romero e Guillerme Fernández no proxecto aCadaCanto.

Naceu daquela un compromiso esencial cos instrumentos de percusión de man, nos que se especializou e que son marca inconfundible da súa obra, nomeadamente a pandeireta, instrumento no que gañou un grande recoñecemento e prestixio.

Desde entón sucedéronse os premios e, moi especialmente, o nacemento dunha nova formación xunto coas Adufeiras de Salitre, coa que dende 2014 foron deixando retrato do traballo feito en 4 discos e numerosos concertos por todo o mundo. Os seus traballos gañaron recoñecemento da crítica especializada e do público, cun destacado éxito de vendas e repercusión na denominada World Music. As Catedrais Silenciadas estivo tres meses no Top Ten da lista europea de músicas del mundo (WMCE) e acadou o Premio Martín Codax na categoría de Música Tradicional en 2020.

Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre chegarán a Ourense logo dunha longa xira para presentar o seu último disco Axúdame a sentir (2024), con máis de 40 concertos por toda España, acadando unha magnífica resposta por parte do público.

⚙ Configurar cookies
0.16232299804688