Xantar 2025 contará con 70 expositores procedentes de España, Portugal, Perú e Venezuela

Xantar afronta a súa 26ª edición con varias novidades que buscan reforzar o seu papel como punto de encontro do turismo enogastronómico da Península. O Salón Internacional de Turismo Gastronómico, que se celebrará en Expourense do 20 ao 23 de novembro, reunirá 70 expositores e contará con representación de catro países: España, Portugal, Perú e Venezuela.
A principal incorporación deste ano é un gran Mercado Enogastronómico, un espazo con pratos galegos e internacionais e un comedor central atendido por hostaleiros da Unión de Hostaleiros de Ourense (UHO). Nel poderase atopar cociña venezolana, mexicana, peruana, portuguesa e galega, ademais dunha barra de Estrella Galicia e viños das cinco denominacións de orixe de Galicia. A este espazo súmanse tres restaurantes tradicionais e un programa de concertos diarios con bandas galegas, así como actuacións de grupos portugueses e venezolanos.
O salón presentou hoxe os seus detalles na Praza de Abastos de Ourense, nun acto con representantes da Xunta de Galicia, da Deputación de Ourense, da UHO e de Expourense. A presentación incluíu unha degustación a cargo de hostaleiros locais, que tamén participarán nos postos do novo mercado.
Xantar ofrecerá arredor dun cento de actividades gratuítas, ata completar aforo, entre obradoiros de cociña en directo, catas de viño, queixos, mel ou conservas, e degustacións vinculadas ás festas gastronómicas galegas. A feira contará con dúas aulas gastronómicas, unha aula de catas, outra reservada en exclusiva para Estrella Galicia e unha área dedicada a eventos culinarios de distintas localidades de Galicia.
Como novidade, o evento estreará tamén unha zona infantil con inchables, xogos e monitores para facilitar a visita das familias.
A presenza internacional volve estar liderada por Portugal, país que participa desde a primeira edición. Turismo Porto e Norte coordina a asistencia dun destacado grupo de cámaras municipais lusas, que ofrecerán showcookings, catas e degustacións para promover o turismo de proximidade. Este ano incorpórase ademais, por primeira vez, a Cámara de Comercio de Angra do Heroísmo (Azores), que presentará produtos e obradoiros propios.
Ademais do Mercado Enogastronómico, Xantar manterá a súa restauración habitual con tres restaurantes. O INORDE presentará un “Menú de Outono” elaborado con produtos ourensáns, mentres que a comarca de Valdeorras contará con dous espazos propios: un dedicado ás súas festas gastronómicas e outro centrado na cociña tradicional do restaurante Mantesil.
PROGRAMA COMPLETO DE XANTAR 2025