Xabier Díaz presenta en Ourense o seu novo disco

O Teatro Principal de Ourense acollerá o vindeiro venres, 22 de marzo, a presentación do novo disco de Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, titulado "Axúdame a Sentir".
Cantante, compositor, investigador e compilador de música tradicional, naceu na Coruña, onde comezou a súa traxectoria musical.
En palabras do artista, o título deste novo disco ben, precisamente, polas palabras que lle dicía con frecuencia a súa aboa.
"Foi unha de tantas catedráticas sen título nesa célebre universidade da vida. Nada hai máis necesario que sentir e tampouco hai momento máis acaído para perseguir ese verbo que os tempos nos que vivimos: as humanidades esvaécense ao tempo que medra o binomio virtual-máquina. As artes, en xeral, atenderon historicamente a nosa necesidade de sentir. Ese lugar sen algoritmos é unha casa que debemos visitar tantas veces como nos sexa posible. Celebrar a non virtualidade, abrazarnos, escoitar, beber, bailar, sentir, escribir, debuxar, cantar, soñar…", sinala.
"A nosa casa é un torreiro e tamén a platea dun teatro ou as mesas dunha baiuca. O que acontece nun concerto é algo único e irrepetible: extínguese ao pechar o pano, mais á súa vez, é unha chama que prende e segue quentando o noso peito durante moito tempo. Ás veces acompáñanos toda unha vida", remata Xabier Díaz.