Xosé Ramón Freixeiro Mato gaña o XXIX Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais

OurenseXa
O traballo premiado aborda a correspondencia entre intelectuais galegos e portugueses ao longo do século XX
xurado-premio-vicente-risco.ciencias-sociais
Xurado do XXIX Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais
9 Jun 2025

Esta fin de semana tivo lugar na sede da Fundación Vicente Risco en Allariz a reunión do xurado do XXIX Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais, que acordou por unanimidade conceder o galardón á obra ‘Separados por uma língua comum. Lusofilia e galeguidade na correspondência entre intelectuais da Galiza e do Norte de Portugal no século XX’, de Xosé Ramón Freixeiro Mato.

O xurado valorou especialmente a perspectiva interdisciplinar deste traballo, que aborda a correspondencia entre intelectuais galegos e portugueses ao longo do século XX desde enfoques que van da glotopolítica á sociolingüística, pasando pola análise das diferenzas interlingüísticas entre galego e portugués, a perspectiva poscolonial e as posibles solucións ao conflito lingüístico en Galicia. Destacouse tamén o rigor, a boa estrutura e o dominio das fontes, así como o seu interese e actualidade.

O xurado estivo composto por representantes do Concello de Allariz, Concello de Melide, Universidade de Santiago de Compostela, Universidade de Vigo, Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro, así como por unha representante do Padroado da Fundación Vicente Risco, que tamén actuou como secretaria da sesión. Remitiron as súas valoracións os membros representantes da Deputación de Ourense e do Concello de Castro Caldelas, que non puideron asistir por motivos persoais.

Ademais do premio principal, o xurado acordou facer dúas mencións especiais a dous traballos de carácter etnográfico: ‘Levantar a paletilla caída. Medicina integrada na tradición galega, de Lidia Mariño Ventoso’, centrado na etnomedicina, e ‘Historias de muíños e muiñeiros/as no cerne de Galicia’, de María Montserrat Varela Vázquez.

⚙ Configurar cookies
0.12745714187622