Xunqueira de Ambía acolle o II Encontro Folclórico “Entre Camiños” con tradicións galegas e arxentinas

O vindeiro 2 de agosto, a partir das 19.30 horas, a Xunqueira de Ambía converterase nun punto de encontro entre Galicia e Arxentina coa celebración da segunda edición do Encontro Folclórico “Entre Camiños”. A cita, organizada pola Asociación Folklórica Estampa Argentina, contará coa colaboración da Deputación de Ourense e o Concello da Xunqueira de Ambía.
Durante a xornada, o público poderá gozar de actuacións de grupos folclóricos galegos e arxentinos, nunha proposta que mestura tradicións musicais de ambas culturas. Ademais, haberá espazo para a gastronomía e os mercados artesanais, completando así unha oferta cultural e lúdica para todos os públicos.
O evento contará cunha participación especial dos artistas Julio Tere e Cristián “Mono” Banegas, recoñecidos no ámbito da música tradicional arxentina.
Desde a organización animan a veciñanza e visitantes a asistir coa súa vestimenta típica, reforzando o carácter participativo e festivo da celebración.