Xunqueira de Ambía inaugura a súa nova residencia de maiores

O centro, que contou cunha inversión de 1,7 millóns de euros financiados entre a Xunta e a Deputación de Ourense, contará con 50 prazas
inauguracion-residencia-de-maiores-xunqueira-de-ambia
Inauguración da nova residencia de maiores de Xunqueira de Ambía
20 Mar 2026

Xunqueira de Ambía inaugurou este venres a súa nova residencia de maiores municipal, que levará o nome de María Puga Martínez. O centro ofrece un total de 50 prazas para os veciños e veciñas da comarca, que actualmente xa conta con 18 residentes, e creará 30 postos de traballo.

A construción deste centro asistencial foi posible grazas a unha inversión de 1,7 millóns de euros financiada entre a Xunta, que aportou 1,2 millóns, e a Deputación de Ourense, que achegou o resto.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, asistiu ao acto inaugural acompañado da conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, e o alcalde de Xunqueira de Ambía, José Luis Gavilanes, así como outras autoridades autonómicas, provinciais e locais.

Rueda puxo en valor o papel deste centro para a veciñanza e aproveitou para garantir o compromiso da Xunta co rural galego para que calquera poida ser coidado no seu sitio. “Á xente hai que coidala, dende que nace ata o final da súa vida. A obriga das Administracións é intentar atender as súas necesidades na medida do posible, e cando a xente se vai facendo maior é cando hai que poñer máis esforzo. E en iso estamos aquí”, sinalou durante a súa comparecencia.

Esta infraestrutura é a primeira que se completa dentro do Plan de Investimentos acordado polo Goberno galego coa Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP). A través deste Plan, a Xunta pon a disposición dos concellos de menos de 20.000 habitantes 18,5 millóns de euros de fondos europeos para ampliar e mellorar a rede de centros de servizos sociais municipais e que están destinados ás persoas maiores: residencias, centros de día, vivendas comunitarias e centros sociais.

Así, das arredor de 100 propostas presentadas, seleccionáronse 24 de toda Galicia, que suporán máis de 680 prazas, sendo a provincia de Ourense a que máis proxectos e orzamento concentra do Plan (o 60%), albergando 16 proxectos que suman un investimento total por parte da Xunta de 12 millóns de euros. En concreto, na provincia de Ourense financiarase a construción, mellora ou ampliación de 12 residencias, dous novos centros de día, a reforma dun centro integral con servizos de atención diúrna e residencial; e un novo centro social. En total, crearanse máis de 400 novas prazas públicas, impulsando unha completa rede de centros municipais que será fundamental para a provincia.

0.12258291244507