“As mulleres no rural facémolo todo”

A Asociación de Mulleres Rurais Xuncos de Xunqueira de Ambía leva arredor de tres décadas traballando para dinamizar a vida da vila e ofrecer actividades sociais e culturais co foco sempre posto nas mulleres do municipio.
A súa presidenta, Yolanda Quintas, leva desde os inicios formando parte da asociación, primeiro como vocal e agora como presidenta. “Queríamos facer cousas culturais”, explica. Porén, as cousas non sempre funcionaron ben. “Tivemos uns anos que estivo parada, que non se fixo nada. A xente é pouco participativa”, explica. Aínda así, a asociación recuperouse, apoiada no traballo desinteresado das súas socias e no compromiso das mulleres do lugar.
Entre as actividades organizadas pola entidade para dinamizar a vida das mulleres de Xunqueira destacan as actividades deportivas como ioga ou ximnasia, que a asociación organiza en colaboración co Concello, ou as clases de pandeireta. Entre os proxectos recentes levados a cabo por esta asociación destaca especialmente a participación no programa Rosalía, destinado a fomentar a igualdade e a formación para mulleres. Quintas recalca a gran acollida do programa.
Porén, lamenta que estas sempre contan coa participación da xente nova. “somos máis ben as da antiga escola. A xente nova non ten moito interese por participar nestas actividades”, explica. “Agora é raro ver aos rapaces na rúa. Eu teño un neto e ás veces saímos á rúa para que non estea todo o tempo nas pantallas. Saímos e só están tres rapaces, cando no colexio de Xunqueira hai case 160 mozos matriculados”. A escasa implicación, segundo explica, débese en parte á falta de tempo e aos cambios xeracionais. “Antes era o que había no pobo: xuntarse, falar. Agora a mocidade está máis centrada en redes sociais e outras ocupacións”.
Para ela, o interese en participar activamente na vida no rural “vai na personalidade de cada unha, nas ganas que teña cada unha de facer as cousas. E que é difícil, a xente está moi ocupada. Os postos de traballo requiren moito tempo, despois a casa, os fillos…”.
A pesar destes desafíos, a asociación segue promovendo actividades regulares como ximnasia, ioga ou talleres, e participando en festivais locais, como o Magosto ou o desfile de Halloween dos nenos, contribuíndo a dinamizar a vida social da vila. “As mulleres no rural fano todo”, resalta Quintas, que recoñece que que, aínda que moitos homes participan hoxe en tarefas comunitarias, as mulleres seguen sendo o motor de iniciativa e sostén social, especialmente no rural.
Por iso, remata a presidenta, “nós seguiremos tratando de facer cousas para que a xente participe”, destacando o compromiso da Asociación Xuncos para reforzar a identidade rural a través da participación activa das mulleres para seguir mantendo viva a vila.