180 deportistas participan na última xornada da Copa Deputación de Judo

Este sábado, 28 de xuño de 2025, celébrase no Pazo Paco Paz a terceira e última xornada da Copa Deputación de Judo 2025, unha competición que reúne 180 participantes de toda a provincia no torneo máis importante da tempada.
As categorías abarcan desde a Chupetín (menos de 18 quilos) ata a xuvenil, mantendo a categoría OPEN, na que compiten xuntos homes e mulleres. Participan judokas de clubes da cidade e das escolas de Cambeo, Inmaculada, Allariz e Baños de Molgas.
Nesta última xornada están a decidirse os podios definitivos de cada categoría, ademais de realizarse a entrega de medallas.
A Copa, patrocinada íntegramente polo servizo de Deportes da Deputación de Ourense e organizada pola Delegación Ourensá de Judo, é a competición provincial máis importante e o principal viveiro de novos judokas, sendo a primeira experiencia competitiva para a maioría.
Esta edición número 41, que consta de tres xornadas puntuables, o 1 de marzo, o 26 de abril e hoxe, 28 de xuño, valora a asistencia como un factor clave para a clasificación final. A Copa foi ideada polo Mestre 8º Dan de Judo Manuel Montero, e é unha das competicións formativas máis lonxevas da provincia.