31 concellos ourensáns beneficiáronse da última convocatoria do plan de axudas para a mellora das infraestruturas turísticas da Xunta

OurenseXa
O programa, destinado a concellos de menos de 10.000 habitantes, deixou preto de 10.000 habitantes en Ourense
pardo-infraestructuras-ourense
16 Jan 2026

A Xunta de Galicia asignou na última convocatoria de axudas para a mellora das infraestruturas turísticas en municipios de ata 10.000 habitantes preto de 920.000 euros a un total de 31 concellos ourensáns, co obxectivo de impulsar e consolidar a actividade turística nas zonas rurais e promover a diversificación turística por todo o territorio da comunidade.

Entre os municipios beneficiados están, entre outros, Esgos, Xunqueira de Espadanedo, Verea, Maside, Oímbra, Bande, Vilar de Barrio, O Bolo, Allariz, Arnoia, Larouco, Sandiás, Cualedro, Muíños, Lobios, A Peroxa, Castrelo do Val, A Merca, A Veiga, Carballeda de Valdeorras, A Teixeira, Leiro, Petín, Vilariño de Conso, Ribadavia, Melón, Lobeira, Montederramo, Castrelo de Miño, Cartelle e A Gudiña.

Esta orde, dotada con 2 millóns de euros, busca, segundo o delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, “a posta en valor turístico dos recursos dos municipios beneficiarios a través da súa rehabilitación ou restauración para dedicalos a usos turísticos, así como coa recuperación de elementos etnográficos ou da arquitectura tradicional”, explicou o delegado territorial.

Ademais, as axudas tamén financian melloras na accesibilidade, coa eliminación de barreiras arquitectónicas e a sinalización respetuosa coa contorna, reforzando así a calidade do turismo rural.

Pardo subliña que entre os obxectivos principais destas axudas están “o desenvolvemento do turismo na comunidade autónoma de acordo cos principios de calidade, accesibilidade e sustentabilidade”, así como “a potenciación do turismo como un factor de crecemento económico, a valorización dos recursos turísticos e o fomento do turismo como un instrumento de reequilibrio territorial”.

Entre as actuacións financiadas están a mellora da sinalización turística de sendeiros, a iluminación e accesos a recursos turísticos, a posta en valor de conxuntos patrimoniais, o acondicionamento de recursos culturais e paisaxísticos, así como a recuperación de elementos tradicionais como fontes ou muíños.

⚙ Configurar cookies
0.080729007720947