85 persoas de zonas rurais de Lugo e Ourense recibiron a titulación oficial en axuda a domicilio grazas ao programa Foadom

RibeiraSacraXa | OurenseXa
O proxecto está orientado a facilitar a incorporación ao mercado laboral de mulleres con cargas familiares
foadom-folgoso
1 Dec 2025

Un total de 85 persoas residentes en zonas rurais de Lugo e Ourense obtiveron unha titulación oficial en axuda a domicilio grazas ao programa Foadom, unha iniciativa conxunta da Fundación María José Jove e a Xunta de Galicia.

Este proxecto está orientado a facilitar a incorporación ao mercado laboral de mulleres con cargas familiares que viven en municipios con alta dispersión xeográfica, achegando a formación profesional ao seu entorno para evitar desprazamentos e facilitar a conciliación.

En concreto, das 85 persoas que completaron o curso homologado de “Hixiene e atención sanitaria a persoas dependentes”, 42 son de municipios lucenses como Folgoso do Courel, Monforte de Lemos, Ribas de Sil e Quiroga. As restantes 43 proceden de localidades ourensás como Parada de Sil, Castro Caldelas, A Pobra de Trives, San Xoán de Río, Chandrexa de Queixa, A Teixeira, Maceda, Montederramo, Bande, Entrimo, Lobeira, Muiños e Verea.

A demanda de servizos de atención a persoas dependentes, explican os promotores desta iniciativa, é elevada nestas áreas, onde segundo o Instituto Galego de Estatística, en 2023 había máis de 26.000 persoas en situación de dependencia en Lugo e Ourense.

O programa permitiu non só actualizar as competencias de quen xa traballaban no sector, senón tamén incorporar a 25 novas profesionais, reforzando así a rede de coidados en zonas rurais con grande necesidade destes servizos. As clases impartíronse de forma presencial nos propios municipios, con grupos reducidos para favorecer a calidade e o seguimento personalizado. Ademais, tras a formación, as participantes recibiron apoio e asesoramento para facilitar a súa inserción laboral.

Foadom conta coa financiación da Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Inclusión Social, e forma parte dunha aposta por mellorar os recursos sociais e a igualdade de oportunidades no medio rural galego.

⚙ Configurar cookies
0.081233024597168