A 33ª edición da Subida da Costiña de Canedo dará comezo un ano máis ao calendario deportivo de Ourense

O Concello de Ourense presentou este martes a 33ª edición da Subida da Costiña de Canedo, que marcará o inicio oficial do calendario deportivo da cidade para o ano 2026. A proba celebrarase o próximo 1 de xaneiro ás 12:30 horas e contará cun percorrido de 3,3 quilómetros que partirá desde a boca do túnel ata a igrexa de Castro de Beiro.
A participación nesta cita tradicional está aberta a todas as persoas, sen importar a idade, que poderán tomar parte tanto a pé como en bicicleta, sen necesidade de inscrición previa. Durante a presentación no Salón de Plenos, o alcalde Gonzalo Pérez Jácome, acompañado polos concelleiros Aníbal Pereira e Armando Ojea, estivo xunto a Saturnino González Novoa, organizador e alma mater do evento, quen definiu a carreira como un “autotest” para os participantes, sendo o primeiro reto físico e persoal do novo ano.
Ao rematar a subida, celebrarase un encontro festivo arredor da igrexa de Castro de Beiro, onde se ofrecerá unha chocolatada e un brindis con champán para compartir os mellores desexos de Ano Novo nun ambiente de deporte e convivencia.