A 45º Copa Deputación de Fútbol chegará nesta tempada a 45 concellos ourensáns

OurenseXa
Un total de 78 clubs con 336 equipos participantes nas súas diferentes categorías
sorteo-copa-deputacion-futbol-ourense
13 Jan 2026

O Centro Cultural Marcos Valcárcel acolleu na tarde deste luns o sorteo do 45º Campionato de Copa Deputación de Ourense “Miguel Ángel” das categorías fútbol 11, fútbol 8 e fútbol sala, para a tempada 2025/2026. O torneo chegará nesta tempada a 45 concellos e será disputada por un total de 78 clubs con 336 equipos participantes nas súas diferentes categorías. En total, serán 7.400 os deportistas que disputarán as 11 copas de fútbol nas distintas categorías.

En canto á Copa Deputación Futsal chegará a 27 concellos da provincia sendo disputada por 184 equipos de 45 clubs, cun total de 2.335 deportistas implicados nas 8 copas nas diferentes categorías.
Por segunda vez na historia, o sorteo levouse a cabo nas instalacións da Deputación, patrocinadora principal deste proxecto que é un dos máis participativos de toda Galicia.

Durante o mesmo, o presidente provincial, Luis Menor, acompañado do vicepresidente da RFGF, José Manuel Fernández, e o delegado territorial en Ourense da RFGF, Raúl Rois, salientou a “aposta firme” da Deputación a prol do deporte base e federado. Menor destacou que “as Copas Deputación son un dos grandes sinais de identidade do deporte ourensán, ademais do trofeo provincial más antigo en Galicia” e agradeceu o traballo “minucioso e innovador” que ano tras ano fan desde a Federación para intentar que cada vez, sexa un evento máis atractivo, algo difícil de lograr despois de tantos anos, pero que, sen dúbida é “a gran festa do fútbol provincial con apaixonantes duelos entre equipos históricos ourensáns”.

Ata o momento disputáronse 44 edicións, mostra dese arraigo que ten na provincia, sendo a súa vez Copa Deputación máis lonxeva de Galicia. Durante os 10 meses que dura a competición, non existe na provincia un evento futbolístico que supere, en repercusión e seguimento, a Copa Deputación Ourense.

⚙ Configurar cookies
0.08037805557251