A Agrupación Cultural Auriense reclama ao Concello o pagamento dos premios e axudas da Festa dos Maios 2025

A Agrupación Cultural Auriense denuncia o atraso no abono dos premios e axudas á participación correspondentes á Festa dos Maios 2025, celebrada o pasado 4 de maio e organizada polo Concello de Ourense.
A entidade, que participa neste evento desde hai décadas, lembra a contribución desta celebración anual á conservación dunha tradición popular de gran valor etnográfico e simbólico. Con todo, advirten, máis de cinco meses despois da celebración, as cantidades comprometidas non foron abonadas e tampouco se ofreceron explicacións claras sobre os motivos do atraso.
Esta situación, explican, “dificulta o traballo das asociacións culturais e veciñais que, con esforzo e recursos propios, manteñen viva esta tradición”. Ademais, supón “un incumprimento do compromiso institucional co tecido cultural da cidade, que necesita estabilidade e respecto polos acordos adquiridos”.
Por iso, esixen ao Concello de Ourense “o cumprimento inmediato das obrigas económicas derivadas da organización da Festa dos Maios 2025 e unha explicación pública sobre o atraso nos pagos, así como a garantía de que non se repetirá en futuras edicións”.
A entidade reitera o seu compromiso coa defensa e promoción da cultura popular galega, ao tempo que reclama trato digno e responsabilidade institucional para todas as persoas e colectivos que fan posible a continuidade destas tradicións.