A aprobación dos orzamentos do Concello de Ourense retrásase ata o mes de xuño

O Concello de Ourense non levará ao pleno deste venres a aprobación dos Orzamentos de 2025. Así foi confirmado esta mañá polo propio alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, en sesión extraordinaria.
A aprobación do orzamento retrasaríase, segundo as palabras do rexedor, ata o mes de xuño. O motivo débese a que sería necesario correxir erros antes de presentar a proposta oficialmente.
Na mesma sesión, o alcalde anunciou que o Concello de Ourense pechará o exercicio económico 2024 cun remanente de tesouraría de 155 millóns de euros o que, segundo di, “reflicte a solvencia económica do Concello e permitirá afrontar todos os gastos xa comprometidos e acometer novos investimentos na cidade”.
Explica o alcalde que durante o ano 2024 “a eficiencia no gasto e na captación de fondos procedentes de transferencias doutras administracións, fan que agora o remanente ascenda a 155 millóns de euros”. Desta contía, uns 100 millóns están comprometidos para diferentes proxectos de gasto e investimentos, e quedará unha contía “de máis de 40 millóns de euros líquidos, dispoñibles e libres de compromisos”, que o Concello de Ourense mobilizará durante os próximos meses.
O alclade adiantou que desde o goberno municipal “volveremos levar no mes de agosto ou en setembro varias modificacións de crédito para facer moitísimas obras, que aínda quedan por facer e que son necesarias”. Entre elas, cita actuacións como a mellora da mobilidade vertical coa instalación de escaleiras mecánicas na Rampla de Sás, na rúa Vasco Díaz Tanco (A Cuña), na Praza 200 (na zona da antiga estación de autobuses), na Praza 500 (estrada da Granxa), ou máis de vinte parques infantís, algúns deles cubertos, piscinas de barrio e renovación de contedores de lixo, entre outras actuacións.