A Asociación Cultural Auriense organiza un concurso de viñetas polo Ano Castelao

Dentro das actividades que a Agrupación Cultural Auriense desenvolverá para conmemoraro Ano Castelao, convócase un concurso de viñetas no que poderán participar tanto nenos coma adultos.
O tema do concurso será totalmente libre, tendo como único requisito que o eixo xire entorno a Galicia. Así, as viñetas poderán falar de tradicións, do idioma, de problemáticas, da vida cotía, etc, tanto nun ton serio como de broma, e póñese como exemplo as viñetas do propio Castelao ou do Carrabouxo.
Para este concurso establécense tres categorías: para nenos menores de 12 anos, para mozos e mozas de entre 13 e 17 anos, e para a adultos maiores de idade. O prazo para participar estará aberto ata o 7 de setembro.
As persoas participantes terán liberdade para utilizar a técnica que desexen, e on se valorará máis a utilización dunha ou outra técnica, senón a orixinalidade tanto visual coma de contido. No caso das viñetas que conteñan algún texto, só se admitiran aquelas que escritas en galego.
Cada concursante poderá presentar unha soa viñeta, orixinal e inédita. Non se admitirán viñetas presentadas ou premiados noutros certames, e deberán ser enviadas en soporte físico.
Para concursar deberanse remitir por correo postal á dirección da asociación, nun sobre pechado, indicando por fora “Viñeta ano Castelao” e incluíndo dentro outro sobre pechado cos seguintes datos: nome e apelidos, idade do autor ou autora, correo electrónico e teléfono de contacto. No caso dos menores de idade é imprescindible que os pais ou titores legais asinen a autorización na que consenten a participación da menor, aceptan as bases e outorgan a súa conformidade ao exposto na mesma.
O xurado estará presidido por Xosé Lois González Vázquez, autor do Carrabouxo, e estará composto por Anxo Varela e Lúa Lomo, Pruden Tattoo, e pola directiva da Agrupación Cultural Auriense.
A Agrupación Cultural Auriense exporá as viñetas recibidas no espazo público e durante as datas que se anunciarán proximamente. En canto aos premios, outorgarase un premio por categoría que consistirá nunha cesta cultural con contido sorpresa.