A Asociación Cultural Frei Canedo da Ponte presenta o programa completo do Entroido de 2025

A Asociación Cultural Frei Canedo da Ponte presenta o seu programa de actividades e festexos para o Entroido 2025, que comezará o xoves 27 de febreiro e rematará na madrugada do luns ao martes de Entroido. Un amplo programapreparado minuciosamente e destinado a tódolos públicos, co claro obxectivo de seguir impulsando unha celebración senlleira e de gran aceptación no barrio de Ponte Canedo.
Un ano máis, desde a Asociación Cultural Frei Canedo da Ponte apostan pola innovación, por novas actividades e por seguir impulsando as xa existentes, que foron un éxito ao longo das últimas edicións. O obxectivo, segundo explican dende a asociación, é “seguir fomentando a participación dos pontinos, das pontinas e dos ourensáns e ourensás no Entroido de Frei Canedo e superar as cifras do ano pasado, cando máis de 20.000 persoas pasaron pola carpa ao longo dos días que durou o Entroido”.
O parque da Ribeira de Canedo volverá a ser, un ano máis, o epicentro das celebracións do Entroido de Frei Canedo. Nesta nova edición, a asociación cultural púxose como meta “ampliar a participación de negocios e da veciñanza”, e por este motivo puxeron en marcha un concurso de escaparates entre os negocios do barrio, que deben decorar os seus establecementos con adornos de Entroido e que teñan algunha referencia a Frei Canedo. Ademais, abriuse a tódolos públicos o concurso para elixir o cartel oficial do Entroido, sendo numerosas as persoas que participaron enviando os seus deseños.
Gran Festa de Comadres e máis novidades
Unha das principais novidades deste ano será a Gran Festa de Comadres, que se celebrará o xoves 27 de febreiro e que, por primeira vez, terá lugar na carpa do Parque da Ribeira de Canedo. Este evento, aberto a todo o público, engadirá un día máis ás celebracións do Entroido. Consistirá nunha cea popular cun menú variado, composto por callos, churrasco, ensalada, criollo, orellas de Entroido, pan e viño, cun prezo de 25 euros. As entradas estarán á venda nos vindeiros días no Mercado de Abastos de Ponte Canedo, a cafetería Don Gaetano, a barbería SersBarber e o local da Asociación Cultural. O prazo para mercar as entradas rematará o mércores 26 de febreiro. Ademais da cea, haberá baile de disfraces e actuacións musicais, cun único requisito: tódolos asistentes deben ir disfrazados de muller, como manda a tradición.
O venres 28 de marzo, os cofrades e cofradesas de Frei Canedo participarán no tradicional desfile que organiza o Concello de Ourense polas rúas do casco vello. Posteriormente, a partir das 21:00 horas, na carpa da Ribeira de Canedo haberá diferentes actuacións musicais e consolidarase, por segundo ano, a Festa DJ, na que actuarán catro dos DJ máis recoñecidos da cidade en directo.
O sábado 1 de marzo, os festexos comezarán cun pasarrúas polo barrio da Ponte, a cargo de Cantares da Cunha, que amenizarán con música o percorrido de Frei Canedo polas distintas rúas e negocios do barrio. Pola tarde, haberá música na carpa ata as 23:00 horas, cando terá lugar a actuación da Orquestra La Noria.
Domingo de Entroido: actividades para os nenos e xantar popular
O domingo estará dedicado, un ano máis, ás crianzas, que poderán desfrutar de diversas actividades dende a mañá. Haberá xogos populares e tradicionais, obradoiros de maquillaxe e pintura, animación, concursos, e, como en edicións anteriores, un obradoiro de queixos ofrecido por Vallelongo, onde os máis pequenos poderán elaborar o seu propio queixo.
Pero non só haberá actividades para os pequenos. A partir das 12:00 do mediodía, celebrarase unha sesión vermú a cargo de Verbena Disco, e ás 13:30 horas comezará o xantar popular, con polbo, carne ao caldeiro, pan e bebidas, que se poderán mercar na propia carpa.
Tras unha tarde de xogos e actividades para os máis pequenos, as celebracións rematarán ás 21:00 horas co concerto do grupo ourensán Amarillo 13.
Luns 3 de marzo: o día grande de Frei Canedo
O luns 3 de marzo volverá a ser, un ano máis, o día grande en Frei Canedo da Ponte. Os festexos comezarán pola mañá cun pasarrúas a cargo de Aperta Percusión, que, a partir das 12:00 do mediodía, acompañará a Frei Canedo no seu percorrido polas rúas e negocios do barrio.
Pola tarde, a partir das 18:30 horas, terá lugar a xuntanza de cofrades e cofradesas arredor da capela. A partir das 19:30 horas, comezarán os solemnes actos, que incluirán:
- Bautismo dos novos cofrades
- Bendición da súa santidade
- Entrega dos premios do concurso de escaparates e do cartel
- Purificación do potafumeiro
O prato forte da xornada será o pregón, que este ano correrá a cargo de Cañita Brava. Como novidade, o pregón trasládase á entrada da Ponte Romana.
A partir das 20:15 horas, dará comezo a solemne procesión de Frei Canedo, onde se agarda unha gran presenza de comparsas. Como cada ano, estas participarán nun concurso para elixir as tres mellores, un evento que segue medrando en participación e que congrega a milleiros de persoas nas rúas do percorrido: Ribeira de Canedo, Avenida das Caldas, Xesús Pousa, Rúa San Froilán e novamente a Avenida das Caldas.
Tralo desfile, haberá música na carpa e, a partir das 23:00 horas, a actuación da Orquestra Galilea. Á medianoite, lanzarase o tradicional folión de fogos de artificio, seguido do sorteo das rifas. A noite rematará cunha nova actuación da Orquestra Galilea.