A balaustrada da Catedral de Ourense será reparada

OurenseXa
A varanda sur deste edificio histórico resultou danada o pasado mes de setembro por un camión guindastre ás obras de rehabilitación do Museo Arqueolóxico
rúa-cardenal-cisneros-catedral-ourense
28 Feb 2025

A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense aprobou na súa sesión deste xoves conceder a licenza de obra para levar a cabo as actuacións de reparación e restauración da balaustrada de peche do patín sur da Catedral de San Martiño de Ourense.

O pasado día 30 de setembro, a balaustrada da Catedral foi danada polo paso dun camión guindastre que se dirixía ás obras de rehabilitación do Museo Arqueolóxico. O vehículo impactou contra a varanda, provocando danos neste edificio histórico.  

O accidente suscitou numerosas críticas, especialmente por parte do BNG, que cuestionou o feito de  que estes vehículos circulen “sen restricións” polo casco histórico da capital ourensá.

A balaustrada afectada foi construída posteriormente do núcleo catedralicio, entre os séculos XVII e XVIII, mais fai parte do conxunto catedralicio e está contemplada dentro da súa consideración de Ben de Interese Cultural (BIC). Neste senso, os nacionalistas lembraron que a Lei de patrimonio de Galiza “atribúe á Xunta de Galiza unha responsabilidade directa na conservación e preservación deste monumento e, por extensión, na situación do conxunto e da zona que o rodea”. 

Así, facían fincapé en que “este non é o primeiro incidente deste tipo que afecta á Catedral, xa que na fachada norte un coche danou unha cornixa de pedra, por non falar doutros edificio históricos ou do propio pavimento da zona histórica, onde desde hai anos, circulan os coches sen ningún tipo de restrición”. Unha cuestión que, entendían xa nese momento,“ten sido sinalada tanto pola veciñanza como polas entidades en defensa do patrimonio e, en varias ocasións, por parte dos responsábeis da Catedral, que ao fío deste incidente volvían advertir que isto podería pasar calquera día de novo pola alta circulación de vehículos”.

⚙ Configurar cookies
0.24606108665466