A Biblioteca Rosalía de Castro acolle ata o 27 de febreiro a exposición “Máscaras do Entroido galego”

A entrada da Biblioteca Rosalía de Castro, no campus de Ourense, acollerá ata o 27 de febreiro a exposición Máscaras do Entroido galego, unha mostra composta por 16 pezas elaboradas e coleccionadas polo estudoso Justo Gude.
A iniciativa enmárcase na programación cultural vinculada ao Entroido, unha das celebracións máis representativas da provincia. A exposición reúne unha selección de máscaras tradicionais galegas, con especial presenza da provincia de Ourense, considerada un dos territorios con maior concentración e diversidade de personaxes de Entroido con identidade propia.
Entre as pezas expostas atópanse máscaras das pantallas de Xinzo de Limia, dos cigarróns de Verín, dos boteiros de Vilariño de Conso e Viana do Bolo, dos felos de Esgos ou dos follateiros de Bande, entre outras, ata completar un total de 16 Entroidos diferentes. Cada máscara preséntase acompañada dunha ilustración co traxe completo ao que pertence e coa identificación da celebración correspondente.
Segundo explica Justo Gude, as máscaras forman parte dunha tradición cultural e etnográfica vinculada a ritos, celebracións e expresións simbólicas, e constitúen un elemento clave na identidade colectiva de moitas comunidades. A mostra ofrece unha aproximación á variedade de formas, cores e materiais presentes nas máscaras galegas.
A exposición pode visitarse no horario habitual da biblioteca, de luns a venres en horario de mañá e tarde, sen que sexa necesario ser usuaria ou usuario do centro para acceder a ela.