A campaña de fomento da lectura do Concello de Ourense remata cun novo récord
A cuarta campaña de fomento da lectura do Concello de Ourense 2024 chegou á súa fin no día de onte, acadando un novo récord de participación por parte dos nenos e das nenas da cidade. Foron en total 10.890 escolares de Ourense que acudiron a algunha das librarías participantes e recolleron un libro de lectura, á súa escolla, financiado polo Concello. Puideron participar nenos e nenas empadroados na cidade e nados a partir do ano 2006 (incluído) retirando un libro de até 20 euros, en calquera dos 39 establecementos que se adheriron á convocatoria.
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, valora moi positivamente o resultado desta iniciativa, que contribúe ao dobre obxectivo de fomentar a lectura na infancia e adolescencia e de dar apoio ao comercio local. “Síntome tremendamente orgulloso e satisfeito de pechar unha nova campaña de fomento da lectura, que é única en España e pioneira, na que imos pola cuarta edición e que cada ano batemos un récord, o que significa que cada vez máis nenos da cidade escollen un libro de lectura, para fomentar ese hábito cultural tan fundamental”, asegurou.
Explica o rexedor que “se na primeira edición, que comezou en 2020 coa pandemia, tivemos 8.600 nenos, na segunda subiuse a 9.200, na terceira a 9.600 e pechamos agora esta cuarta con 10.089, unha cifra impresionante e un éxito total”. A este respecto, Pérez Jácome subliñou que “tal é o éxito da campaña que nos fastidia moito deixar fóra os nenos que non son da cidade. Por iso levaremos a proposta á Deputación para que estenda este servizo a toda a provincia, porque é algo de un impacto tremendo, é a acción cultural educativa máis importante que se fixo nunca na cidade e non ten parangón no Estado español”.
A campaña tivo este ano a singularidade de desenvolverse en febreiro – marzo (desde o día 1 de febreiro ate o 18 de marzo), logo das vacacións de Nadal, e os bos resultados, que se plasman no récord de participación acadado, fan que o goberno municipal valore repetir estas datas en próximas edicións.