A campaña “Nestas datas, que non sobren as sobras!” chega ao Mercado de Ponte Canedo

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou esta mañá o mercado de abastos da cidade para apoiar a campaña “Nestas datas, que non sobren as sobras!”, que se está a levar a cabo en varios mercados de Galicia, entre eles Santiago de Compostela, A Coruña, Vigo, Ferrol, Pontevedra e o mercado de Ponte Canedo en Ourense.
Manuel Pardo destacou que con esta iniciativa “a Xunta de Galicia avoga por un consumo sostible e responsable nestas datas de Nadal para contribuír á redución do desperdicio alimentario”. Explicou que a campaña busca concienciar ás familias galegas sobre o impacto do desperdicio de alimentos, promover hábitos de compra conscientes e poñer en valor os mercados municipais como lugares de consumo de produtos de proximidade e calidade.
A iniciativa consiste no reparto de máis de mil culleres de madeira cun código QR que leva a unha páxina web con receitas para aproveitar as sobras. Este código tamén estará dispoñible nun cartel á entrada de cada mercado. O delegado subliñou que “o obxectivo é inspirar elaboracións para aproveitar as sobras do Nadal recuperando os bos hábitos da cultura galega coa actualización de pratos tradicionais como poden ser os caldos ou as empanadas”.
Para Pardo, reducir o desperdicio alimentario durante as festas non só supón aforro, senón tamén coidar o planeta, xa que “tirar comida implica un uso ineficiente dos recursos empregados para producir eses alimentos, como auga, enerxía e chan”.
Pardo lembrou a importancia dunha boa planificación previa á hora de facer a compra, utilizando listas para mercar só o necesario segundo o menú e o número de persoas, e destacou que desde 2020 o desperdicio alimentario en Galicia reduciuse nun 19%.
Finalmente, o delegado indicou que a Xunta traballa no “Plan de acción galego contra o desperdicio alimentario”, unha iniciativa pioneira que busca reducir nun 50% o desperdicio na venda final e nun 20% as perdas na produción e subministración. Este plan incluirá tamén a colaboración con concellos e entidades sociais para fomentar a doazón de alimentos, así como un proxecto conxunto co Instituto Galego de Estatística para medir e avaliar o desperdicio alimentario na comunidade.