A candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial avanza con “boas sensacións”

RibeiraSacraXa | OurenseXa
Sober acolleu este xoves un encontro institucional para abordar a recta final para lograr o recoñecemento da UNESCO
alcaldes-ribeira-sacra
5 Mar 2026

Sober acolleu esta mañá unha xuntanza institucional sobre a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial da UNESCO, convocada Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e na que estiveron presentes os distintos alcaldes e alcaldesas da comarca, xunto a representantes da Xunta e do Goberno de España.

Durante o encontro, a subdelegada reiterou o apoio firme do Goberno de España á candidatura da Ribeira Sacra, un proxecto que cualificou de estratéxico pola súa capacidade para reforzar a proxección internacional de Galicia e impulsar un modelo de desenvolvemento baseado na protección do patrimonio, da paisaxe e da identidade cultural do territorio.

Olimpia López subliñou que a Ribeira Sacra “reúne valores excepcionais desde o punto de vista cultural, paisaxístico e histórico, resultado da relación secular entre o territorio e as persoas que o habitan, que fixeron posible unha paisaxe única marcada pola viticultura e a riqueza natural dos canóns do Sil e do Miño”.

A subdelegada destacou tamén nesta recta final que “a colaboración institucional está sendo clave para consolidar unha candidatura sólida e rigorosa, capaz de acadar o recoñecemento da UNESCO”. Neste sentido, puxo en valor o traballo conxunto das administracións e dos axentes do territorio para impulsar este proxecto común.

Así mesmo, lembrou que o Goberno de España está a impulsar en Galicia un modelo turístico máis sostible, diversificado e de maior valor engadido, en consonancia cos principios que representa a Ribeira Sacra e que contribúe a xerar oportunidades económicas, emprego e cohesión territorial.

Por último, Olimpia López expresou a súa confianza en que a candidatura continúe avanzando con paso firme e permita que a Ribeira Sacra acade o recoñecemento como Patrimonio Mundial, “un fito que reforzaría a visibilidade internacional deste territorio e o seu enorme valor patrimonial”.

Pola súa banda, o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, salientou as “boas sensacións” recollidas ao longo das “citas claves” mantidas na recta final da candidatura deste territorio a Patrimonio Mundial. En concreto, fixo fincapé no recente encontro co subdirector de Cultura da Unesco, Ernesto Ottone, e o embaixador de España ante este organismo, Miquel Iceta, en París, e que valorou como “positivo” para “perfilar aínda máis a estratexia de cara á avaliación definitiva, que terá lugar en xullo en Corea do Sur”.

Nesta xuntanza, o titular de Cultura do Goberno galego tamén lles informou dos “satisfactorios resultados” da reunión mantida co ministro de Cultura, Ernest Urtasun, para “coordinar conxuntamente actuacións de diplomacia e promocións que permitan ofrecer o máximo impulso á candidatura nestes últimos meses antes da gran decisión que terá lugar na cidade coreana de Busán”. Ao respecto, López Campos incidiu na importancia destas citas para “preparar a conciencia e con rigorosidade unha consistente folla de ruta para os vindeiro meses”.

“Estamos ante unha etapa decisiva á que nos enfrontamos coa tranquilidade e seguridade que dá contar cunha candidatura madura, sólida e arroupada non só polo Goberno central, senón por toda a comunidade, veciñanza, axentes locais e institucións da zona”, aseguroulles López Campos, quen tirou proveito deste encontro cos rexedores para trasladarlles o agradecemento da consellería, en particular, e de todo o Goberno galego, en xeral, “pola total entrega e desde o primeiro momento” coa proposta Ribeira Sacra: Paisaxe da Auga.

López Campos incidiulles en que ao longo de este proceso a Xunta proxectou a candidatura Ribeira Sacra: Paisaxe da auga baseándose nos atributos “excepcionais e únicos” deste territorio, “sobradamente coñecidos por todos vós, férreos defensores e embaixadores deste patrimonio”. Neste senso, salientou como se ten difundido esta paisaxe “construída co uso da auga dun xeito novidoso que non está presente aínda de xeito suficiente na Lista de Patrimonio Mundial”, remarcou.

Nesta liña, puxo en valor todo o traballo de promoción que se está a levar a cabo, facendo fincapé no desenvolvido na recente Feira internacional de Turismo Fitur, en Madrid, “na que participaron 255.000 visitantes profesionais de 156 países de todo o mundo”. O representante da Xunta enxalzou o “grande esforzo” realizado polo Goberno galego para “pór no foco e co protagonismo que merecía e merece a candidatura”.

0.10831594467163