A carreira solidaria 'Ruta 091' recadará fondos para as persoas con Trastorno do Espectro Autista

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, animou este martes á cidadanía a participar na Carreira Solidaria 'Ruta 091', “unha proba que terá lugar o 22 de xuño, en favor das persoas con Trastorno do Espectro Autista, unha causa xusta e necesaria”. Fíxoo durante a presentación da proba, no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense, onde estivo acompañado polo comisario provincial xefe da Policía Nacional, Juan Cástor Vázquez.
Na súa intervención, Eladio Santos felicitou á Policía Nacional por organizar esta iniciativa solidaria, “exemplo dos valores democráticos da institución e do seu compromiso coa inclusión social e a promoción do deporte”. “É necesario impulsar programas, proxectos e iniciativas como esta para tratar de mellorar as condicións de vida de aqueles que máis o precisan”, dixo.
Os beneficios obtidos na proba serán doados á asociación ourensá Trascos, que traballa en favor das persoas con Trastorno do Espectro Autista (TEA). O subdelegado agradeceu a labor desta entidade que ofrece recursos ás persoas con TEA e ás súas familias e busca a sensibilización da sociedade. “O Goberno está a executar a Estratexia Española en Trastorno do Espectro Autista que, cunha dotación de 40 millóns de euros, persigue os obxectivos de fomentar a inclusión laboral, a mellora da atención temperá e a promoción da investigación, entre outros”, destacou Santos.
CARREIRA SOLIDARIA 'RUTA 091'
A carreira da categoría de adultos comezará ás 9:30 horas do domingo 22 de xuño, cunha duración de 60 minutos e unha distancia de 5 quilómetros. Logo, o circuíto da categoría infantil e inclusiva será ás 10:45 horas, cun percorrido dun quilómetro e estenderase 15 minutos. O prazo de inscrición está aberto, a través da web www.ruta091.es, e pecharase o 15 de xuño, ás 23:59 horas.
O custo é de 12 euros para adultos, ata un máximo de 800 participantes, e de 10 euros para a categoría inclusiva e de nenos, ata un máximo de 200 participantes. Tamén existe o “Dorsal 0”, un dorsal solidario para que cada persoa que o desexe poida doar a cantidade que estime convinte de forma voluntaria.